ALCALDÍA

O alcalde destaca a importancia da educación viaria e das boas prácticas na condución

13/04/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu ao acto de presentación do Plan para a Mocidade de Seguridade Viaria en Santiago de Compostela, organizado pola USC e Michelin. Con tal motivo, instalouse un parque con diversos simuladores co obxectivo de concienciar á poboación universitaria sobre as medidas de seguridade na conducción.

Tras experimentar nos distintos simuladores instalados na praza de Rodríguez Cadarso, o alcalde destacou a importancia dunha boa educación viaria e da concienciación en torno ás boas prácticas na condución. Nesta visita, Agustín Hernández estivo acompañado polo concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Alejandro Sánchez-Brunete; polo reitor da USC, Juan Viaño, e polo director de Comunicación e RSC de Michelín, Félix Sanchidrián.

Este Plan Xuvenil de Seguridade Viaria trata de incidir na formación e na prevención da mocidade entre 18-25 anos, que –a pesar da mellora nas estatísticas dos últimos tempos- seguen a ser o colectivo –xunto co das persoas maiores- con maior frecuencia de sinistralidade, especialmente entre os homes. Así, os accidentes de tráfico son a principal causa de morte das persoas de idades comprendidas entre os 15 e os 28 anos en España.

Ata o xoves
Ata o xoves, na praza Rodríguez Cadarso estarán instaladas, de 10:00 a 18:00 horas, carpas con diferentes actividades como un test de condución, un simulador de envorcadura dun vehículo, gafas de simulación de consumo de alcohol, xogo do trivial, condución nunha pista de scalextric e xogos para aplicacións en dispositivos móbiles.

Entre todos os estudantes que participen realizarase un sorteo do custe da matrícula universitaria deste curso (cun máximo de 2.000 euros). Este sorteo será ante notario a finais de maio entre o alumnado participante das Universidades de Santiago, Vigo, País Vasco e Zaragoza, onde tamén terá lugar esta actividade.

A campaña, que comezou en novembro de 2013 e rematará este ano 2015, desenvólvese no ámbito das universidades cun obxectivo total de participación de máis de 20.000 mozos e mozas.

Compartir: