TURISMO

Máis de 20 locais participan nos "Menús de Mercado" de Compostela Gastronómica

12/04/2015 Compostela Gastronómica, o Festival da Cociña Galega, que se terá lugar do 16 ao 21 de abril, inclúe entre as súas actividades unha ruta de "Menús de Mercado" na que tomarán parte 22 establecementos de Santiago. Ao longo de seis xornadas, diversos restaurantes, hoteis, mesóns, taperías e viñotecas da cidade ofrecerán menús especiais cun nexo común: estar elaborados a base de produtos frescos, galegos e de tempada adquiridos no Mercado de Abastos. Os menús, compostos de aperitivo, primeiro prato, segundo e postre, terán un prezo fixo de 18 euros.

Ensalada de xarda ao romeiro e verduras de tempada, Costela de tenreira galega á grella con cachelos, Navallas co seu pil-pil e xamón, Tartar de xarda e pementos ou Vieira de Cambados con crema de cenoria e xenxibre son só algunhas das propostas que poderán degustar os comensais desta ruta de Compostela Gastronómica coa que se pon de manifesto a extraordinaria riqueza culinaria da que fan gala os establecementos da cidade.

Os locais que participan nesta nova ruta de "Menús de Mercado" son os seguintes: Hotel Spa Relais & Chateaux A Quinta da Agua, Hotel AC Palacio del Carmen, Bodeguilla de Santa Marta, La Casa de la Marquesa, Mesón A Charca, Café de Altamira, Caney, A Casa da Viña, La Cavita, O Celme do Caracol, O Curro da Parra, A Curtidoría, Enxebre do Hostal dos Reis Católicos, O Ferro, Garum Bistró, A Horta d’Obradoiro, Quercus IP, Reno, Resas, Rúa Villar, Tapería Castelao e O Tragaluz de Texturas Galegas. Durante a celebración da ruta de "Menús de Mercado", cada un destes establecementos estará debidamente sinalizado.

Na xornada inaugural, o día 16 de abril, e de 20:30 a 23:00 h, celebrarase a Ruta de Tapas "Gourmet", un percorrido guiado por diferentes locais de Santiago no que os participantes poderán saborear a especialidade que é imprescindible pedir en cada lugar. Cada percorrido constará de catro paradas e en cada unha degustarase unha exquisita tapa maridada con mellor viño.

Compostela Gastronómica é unha iniciativa organizada por Turismo de Santiago que celebrou a súa primeira edición en setembro do pasado ano. O festival conta cun sinal de identidade diferenciado: o produto galego que se pode encontrar no Mercado de Abastos de Santiago, centro das actividades do seu programa.

Toda a información sobre esta nova edición pode seguirse nas contas de Twitter, Facebook e a través da web www.compostelagastronomica.es.

Compartir: