EMIGRACIÓN

Desenvólvese a bo ritmo o censo de residentes composteláns en Arxentina

18/09/2006 A concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, viaxou a Arxentina para supervisar a marcha do censo de residentes composteláns neste país. Ademais, aproveitou a súa visita para resolver diversos problemas aduaneiros, para interesarse pola situación dalgúns residentes e para reunirse con distintas entidades da emigración.

O traballo en Arxentina comezou o mércores 13 de setembro, coa visita á embaixada de España, onde Teresa Regúlez realizou unha serie de trámites para permitir que saian da aduana de Bos Aires a Publicación de Información Municipal. O Concello enviará esta revista aos fogares dos composteláns residentes neste país.

Ao día seguinte, a concelleira trasladouse ata a cidade de Rosario, onde foi recibida pola Conselleira Titular Xeral da Emigración, Amelia Berdún Cuartere, que lle deu a coñecer os principais problemas que afectan á colectividade emigrante desta localidade. Posteriormente, reuniuse co Consello de Residentes Españois de Rosario, que lle transmitiron a preocupación dos residentes polas dificultades de empadroamento e pola ausencia de moitos deles do rexistro do seu concello de orixe.

Regúlez tamén visitou o Centro Galego desta cidade, onde os seus dirixentes, ademais de insistir nos errores censais, expresaron a súa inquietude pola falta de incorporación dos xóvenes ás actividades do centro.

Tramites aduaneiros e encontros

Na xornada do venres 15, a concelleira mantivo diversas xuntanzas para solucionar problemas aduaneiros en Bos Aires e Montevideo. Un día despois, Teresa Regúlez mantivo encontros con diversos emigrantes e as súas familias, nunha xornada chea de anécdotas, como o achado dunha filla dun dos músicos da Banda Municipal, Emilio Proupín.

O domingo 17, a concelleira foi entrevistada en Radio Cultura, en "El programa gallego", onde coincidiu co subdirector xeral de Centros e Comunidades Galegas, Carlos Sixirei Paredes. Alí falou da marcha do censo de residentes de Santiago, que realiza a Fundación Españoles en el Mundo e da situación socioeconómica da colectividade emigrantes. Neste sentido, indicou que atopou unha melloría respecto á súa anterior visita, froito das políticas postas en marcha dende as administracións estatal e autonómica. Non faltaron tampouco as preguntas sobre a ola de incendios que afectou a Galicia e a Santiago en particular.

Outro dos actos do día foi a participación nos actos conmemorativos do 200 aniversario do Tercio de Gallegos na Praza de San Martín. Ao berro de "¡Santiago, antes muertos que esclavos!" estes homes uníranse ao movemento de liberación de Arxentina comandado polo xeral San Martín. A concelleira rematou a súa visita na cidade no Centro de Xubilados e Pensionados da cidade de Avellaneda.

Compartir: