CULTURA

Teatro, música e un espectáculo infantil de danza no programa cultural da fin de semana

10/04/2015 Dentro da programación cultural desta fin de semana teremos catro propostas, dúas sábado e dúas domingo, de teatro, danza, música e un espectáculo familiar. Na xornada do sábado, a compañía Entremáns presenta ás 18:30 horas, no Teatro Principal, Xoga, un espectáculo de danza dirixido aos máis pequenos da casa enmarcado dentro do ciclo de Danza e do Infantil & Familiar. Xa ás 20:30 horas e na Zona C teremos, dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués, a segunda parte da triloxía de A Artística, Illas Atlánticas. Na xornada do domingo, poderemos ver ás 19:30 horas, tamén na Zona C, a última parte de dita triloxía, Verde a tempo completo. A programación péchase ás 20:00 horas, no Teatro Principal, co concerto de Chano Domínguez & Niño Josele, dentro do ciclo Jazz 1906.

Se te miras ao espello… podes verte por dentro? Xoga é un espectáculo para descubrir como es e saber de que estás feito nun encontro didáctico que conxuga espazo escénico, audiovisual, música e danza. Diversión e espectáculo únense nesta viaxe dende a imaxinación ao coñecemento. Tras a estrea no Teatro Colón da Coruña, a compañía galega Entremans presenta no Teatro Principal o seu novo espectáculo de danza dirixido a un público familiar, e especialmente a rapaces de 3 a 6 anos de idade, con contido didáctico sobre o funcionamento do noso corpo

A Artística
Tres pezas, tres propostas, tres estruturas escénicas, que enchen un espazo, para deixar unha pegada nova. Enfrontadas ante outra relación posible e aberta co espectador-público. Illas Atlánticas é unha viaxe íntima como pesquisa sobre a situación propia nun hoxe calquera e a busca do espazo onde reside a máis vella sensualidade. Esta viaxe aséntase sobre un solo monologado e outro solo de danza.

A triloxía de A Artística –antes xa representaran Arquitectura da emoción, complétase con Verde a tempo completo. A obra pregúntase sobre a relación entre o espectáculo é o público, a sacralización da mensaxe e a ritualización do espectáculo como mercadoría dentro dun contexto arquitectónico que determina esa relación entre o obxecto artístico e o ollo que o ve.

Chano Domínguez & Niño Josele
Reunións tan felices e oportunas como esta cóntanse cos dedos dunha man. O seu artífice é Fernando Trueba, produtor e dalgún xeito tamén responsable da elección dun repertorio no que converxen como augas da mesma natureza a sofisticación harmónica de Jobim, a melancolía de Michel Legrand, Henri Mancini, John Lewis..., ademais de orixinais e arranxos de ambos os dous intérpretes.

Trueba empeñouse en cruzar os seus camiños, pero quizais fosen dous espíritos -os de Bill Evans e Paco de Lucía- os que barallasen as cartas do destino para que este proxecto vise a luz. O disco de presentación gravábase precisamente un mes antes do falecemento do grande de Alxeciras, baixo cuxa sombra creceu musicalmente Niño Josele.

A importante veta aberta por aquel para que a guitarra flamenca puidese respirar jazz é fundamental para que hoxe nos pareza de todo natural que Josele descubrise en Bill Evans a súa porta de entrada para a inspiración jazzística ou que Chano, despois de chegar ao jazz tras os seus inicios co rock sinfónico liderando Cai, recuperase para a súa linguaxe todo o sentimento flamenco inculcado polo seu pai. Estas liñas non son suficientes para enumerar os méritos e traxectorias de ambos os dous, pero si para recordarche que os grandes, xuntos, aínda son máis grandes.

Compartir: