XUNTA DE GOBERNO

O Goberno municipal solicita autorización para repoñer catro prazas da Policía Local

10/04/2015 A Xunta de Goberno acordou solicitar a reposición das catro prazas vacantes na Policía Local ante o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. As mesmas están incluídas nas 30 prazas de oferta de emprego público municipal para o ano 2015.

Esta petición, segundo explicou o alcalde, Agustín Hernández, enmárcase na obriga derivada do artigo 21 da Lei de Orzamentos do Estado para 2015, que regula e limita as ofertas de emprego público. "A solicitude municipal faise tendo en conta as xubilacións e baixas producidas durante o exercicio de 2014 e o feito de que o Concello cumpre os límites que fixa a lexislación estatal reguladora en materia de operacións de endebedamento, así como o principio de estabilidade, condicións que permitirían proceder a esta nova contratación", indicou.

Este requisito supón o primeiro paso para iniciar o procedemento de oferta pública para as catro prazas de Policía Local na oferta de emprego público para o ano 2015, que prevé un total de 30 prazas, das que 26 corresponden a promoción interna.

Documentos relacionados



Compartir: