XUNTA DE GOBERNO

O Concello pon a disposición da Xunta o terreo para a ampliación do CEIP de Roxos

10/04/2015 A Xunta de Goberno acordou poñer a disposición da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria un terreo de 3.226 metros cadrados na parroquia de Villestro, lindando co CEIP de Roxos, para a ampliación das súas instalacións grazas á construción de novas aulas e áreas de servizos.

Segundo explicou o alcalde, Agustín Hernández, o centro proxectado supón a ampliación do colexio existente cun volume de 530 metros cadrados, onde se disporán tres aulas de infantil, unha de psicomotricidade, un espazo para apoio educativo, aseos, despachos, conserxería e zonas comúns. "O investimento previsto é de 650.000 euros para unha obras que a Consellería xa anunciou que empezarán no mes de xuño, despois de rematar as clases, coa intención de poder facer uso delas cara a finais deste ano", indicou.

"O procedemento de posta a disposición, a diferenza da cesión, implica que o Concello mantén a titularidade do terreo, á que se lle engadirá a da nova edificación docente, que a Xunta de Galicia lle transmitirá ao Concello, pasando a propiedade municipal, coa obriga da conservación, mantemento e vixilancia do edificio, logo de executadas e recibidas as obras", explicou Hernández.

A parcela posta a disposición polo Concello conta coas infraestruturas de abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica, telefonía e acceso rodado. De aí a súa idoneidade para a nova construción.

Rúa 25 de Xullo
Por outra parte, a Xunta de Goberno autorizou na mesma sesión ordinaria a redacción dun proxecto modificado das obras de mellora e pavimentación da rúa do 25 de Xullo, na zona das Cancelas e aprobouse a acta de suspensión dos traballos do 23 de febreiro pasado.

"O novo proxecto modificado, que non comporta ningún custo adicional sobre o orzamento da obra principal, vai definir os cambios concretos que se consideran tecnicamente necesarios para redefinir a rede de abastecemento de auga e as canalización e arquetas do servizo de telecomunicacións. O documento tamén definirá unha posible prórroga no prazo de execución do contrato, que inicialmente era de tres meses", apuntou o alcalde.

As obras da rúa 25 de Xullo foran adxudicadas no pasado mes de outubro, cun orzamento de 190.938 euros e un prazo de execución de tres meses, que comezaron a contar dende o 28 de novembro, data da sinatura da acta de replanteo.

Dentro do prazo fixado para a execución das obras e á vista da diverxencia entre a información sobre as instalacións soterradas existentes e a facilitada polas compañías subministradoras, comprobouse a necesidade de abordar unha modificación do proxecto, sen custo económico, que agora se autoriza.

"Tendo en conta que a obra se atopa nun avanzado estado de execución, as obras deberán rematar no presente mes de abril ou nos primeiros días de maio", aclarou Agustín Hernández.

Nova gasolineira en Marrozos
En materia de licenzas, A Xunta de Goberno autorizou as obras e a licenza de actividade e instalación dunha nova estación de servizo con tenda, no lugar do Sisto, na parroquia de Marrozos, á beira da estrada N-525 Santiago-Ourense. O proxecto, que se executará sobre dúas parcelas que totalizan 3.944 metros cadrados, conta cun orzamento de execución material de 391.381 euros.

Nave na Costa Vella
Ademais, aprobouse unha modificación de proxecto para a construción dunha nave de venda de materiais de construción e aparcadoiro no Parque Empresarial da Sionlla. Este cambio afecta unicamente á situación do centro de seccionamento e á distribución da dársena de aparcamento, que se considera compatible coas condicións da licenza inicialmente concedida.

A construción desta nave de venda de materiais de construción e aparcadoiro fora autorizada polo Concello no mes de novembro de 2014. A actuación, proxectada na rúa do País Vasco do citado parque empresarial, levouse a cabo sobre unha superficie de 8.232 metros cadrados (6.144 computables) cun edificio de planta soto, baixa e entreplanta, e un orzamento de execución material de 2.524.604 euros. A previsión é que esta instalación sexa inaugurada na vindeira semana.

Documentos relacionados



Compartir: