PLENO

O Pleno municipal ratifica créditos adicionais por preto de 2,5 millóns de euros para pavimentación de vías públicas e novos proxectos comerciais, turísticos e culturais

10/04/2015 A Corporación celebrou un pleno extraordinario no que se deu conta da liquidación do orzamento de 2014, que reflicte un superávit de case 1,9 millóns de euros. Esta cantidade, sumada ao aforro de 1,2 millóns de euros polo refinanciamento do crédito ICO solicitado en 2012 e ás baixas nas adxudicacións dalgúns proxectos, permitirá habilitar créditos por 3,1 millóns de euros, parte dos cales se destinarán a un novo contrato de pavimentación e a novos proxectos comerciais, turísticos e culturais.

Segundo explicou ante o Pleno o concelleiro de Facenda, Ramón Quiroga, o aforro no exercicio 2014, que entre intereses e amortizacións, alcanzou os 1,2 millóns de euros, sumarase ao superávit orzamentario de case 1,9 millóns de euros e ás baixas nalgunhas adxudicacións para xerar unha dispoñibilidade a maiores de 3.162.270,86 euros, dos que preto de 2,5 millóns se destinarán a investimentos.

Entre estes investimentos, destaca un novo contrato para a pavimentación das vías públicas, por un importe de 800.000 euros. A intención do Goberno municipal é que este contrato poida comezar a executarse durante o verán.

Ademais de para este contrato, o Concello destinará parte do crédito aos trámites para a edición 2016 de Womex (110.000 euros), á un programa de promoción comercial (100.000 euros) e a Fairway, unha feira que aglutinará en outono en Compostela as diversas actividades económicas relacionadas co Camiño (80.000 euros).

Estes novos créditos extraordinarios e suplementos de crédito foron aprobados cos votos favorables do grupo popular. O grupo socialista abstívose e o nacionalista votou en contra.

Compartir: