CULTURA

Humor, teatro e música reggae na programación cultural deste venres

09/04/2015 A programación cultural para este venres ofrece tres propostas moi variadas entre si, de humor, teatro e música. Comeza a xornada con Raúl Cimas & Julián López, que presentan Toda la verdad sobre el oso hormiguero no Auditorio Abanca ás 20:30 horas dentro do ciclo Falabaratos. E á mesma hora, pero na Zona C, a compañía viguesa A Artística ofrece Arquitectura da emoción, a primeira parte da súa triloxía, dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués. Péchase a xornada ás 21:00 horas, na Sala Capitol cunha proposta enmarcada no ciclo Compostela Rock: o Compostela Reggae, no que poderemos escoitar a Terrakota, Malaka Youth e Rebel Roots.

Julián López e Raúl Cimas chegan co seu novo espectáculo, Toda la verdad sobre el oso hormiguero, co que dan renda solta á comedia tan característica da que fixeron gala toda a súa carreira. Non deixarán indiferente a ninguén e demostran que son dous dos cómicos máis en forma do país. Critica e público aválanos, tres tempadas seguidas en carteleira en Madrid e a súa exitosa xira por todo o país dino todo. Un espectáculo para partirse de risa con estes xenios do absurdo.

As entradas teñen un prezo de 15 euros (patio butacas, anfiteatro 1) e 13 euros (anfiteatro 2) en anticipada (o mesmo día do evento serán de 18 € e 15 €, respectivamente). Poden mercarse no despacho de billetes do Principal (que abre de 18:00 a 21:00 horas), en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no Auditorio Abanca dende dúas horas antes do evento.

Arquitectura da emoción
Tres pezas , tres propostas, tres estruturas escénicas, que enchen un espazo, para deixar unha pegada nova. Enfrontadas ante outra relación posible e aberta co espectador-público. Arquitectura da emoción é a primeira delas, unha invitación a reflexionar sobre os sentimentos: Onde nacen? Como é a súa expresión e o seu almacenamento? Arquivamos os sentimentos no espazo propio e proxectámolos no espazo habitado. Esta é a proposta da compañía A Artística.

As entradas teñen un prezo de 8 euros, e hai un abono para as tres pezas da triloxía por 18 euros. Ademais poden adquirirse do Bono de Teatro Galego e Portugués. Mércanse no despacho de billetes do Teatro Principal (no horario habitual) ou na propia Zona C dende unha hora antes do evento.

Compostela Reggae
Os Terrakota están de volta para presentar novo disco, Wontanara como cabeza de cartel do Compostela Reggae. A banda sen fronteiras regresou ao estudo e estará na estrada en 2015. Estiveron lonxe dos escenarios durante dous anos, tras trece anos de carreira nos que se tornaron unha das referencias das músicas de fusión multi-étnica, con presenza asidua nos principais escenarios nacionais e internacionais da world music e do reggae. Subirán tamén ao escenario os malagueños Malaka Youth e os ferroláns Reberl Roots.

As entradas para este concerto teñen un prezo de 12 euros (anticipada) e 16 euros (billeteira) e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, en www.minhoreggae.com, www.salacapitol.com, A Reixa Tenda e Discos LP Vigo.

Compartir: