TURISMO

Compostela continúa o seu traballo de asesoramento turístico e arquitectónico en QuFu

18/09/2006 Representantes do Concello de Santiago regresan a China para supervisar o avance das propostas compostelás para a reordenación turística e patrimonial de Qu Fu, e asinar o documento definitivo de irmanamento entre ambas cidades Patrimonio da Humanidade.

O concelleiro compostelán de Turismo, Francisco Candela, e o arquitecto responsábel da Oficina de Rehabilitación do Concello, Javier Fernández, viaxan á cidade china de Qu Fu, onde supervisarán o avance dos plans de desenvolvemento turístico e de recuperación urbana da Cidade Ming.

Estas iniciativas de factura compostelá inscríbense no programa europeo Asia Urbs Heritage, que emprendeu diversas actuacións para a rehabilitación e preservación do casco histórico de Qu Fu, así como para a súa promoción turística, en momentos en que se aproxima a celebración dos Xogos Olímpicos de Beijing de 2008. Os plans están sendo desenvolvidos por Santiago de Compostela e Rennes desde 2005.

Acto de irmandamento

O programa da viaxe prevé o xoves 21 a celebración da Comisión Política de Coordinación dos plans, que servirá de punto de encontro coas autoridades chinesas de rehabilitación e turismo; e o venres 22 o Seminario Internacional de Rehabilitación e Turismo, dedicado á evolución do plan URBS.

Finalmente, o concelleiro Francisco Candela representará a Santiago de Compostela nun acto programado para o sábado 23, no que se producirá o irmandamento oficial das dúas cidades. O documento, que leva a sinatura do alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, será refrendado polo alcalde de Qu Fu, Zhang Shuping.

Intensa presencia internacional

Durante esta semana, Turismo de Santiago atópase ademais representada en eventos de promoción turística en Centroeuropa e Xapón.

As xornadas de promoción organizadas por Turespaña levan á empresa municipal de turismo a Praga, Budapest e Sofía entre o 18 e o 22 de setembro; mentres que entre o 22 e o 24 a feira JATA converterase, un ano máis, en punto de exposición da oferta compostelá ante o mercado xaponés.

Compartir: