ALCALDÍA

O alcalde defende a cooperación no terreo comercial e empresarial, "onde se xera boa parte da riqueza económica, laboral e social dun concello e da sociedade no seu conxunto"

09/04/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou as novas instalacións do Club Financeiro de Santiago no Edificio Quercus, no Polígono da Costa Vella (rúa Letonia, 2). Nas mesmas, dixo, poderán cumprir coa súa función de "apoio, asesoramento e promoción dos intereses empresariais dos seus asociados e, por extensión, da cidade de Santiago, onde radican os seus principais activos e intereses".

Tras lembrar o inicio das actividades do Club Financeiro hai máis de dous anos e a súa participación como conselleiro da Xunta na primeira conferencia organizada polo mesmo, Hernández amosouse honrado por "poder seguir e compartir, agora como alcalde da cidade, as súas actividades e mesmo participar directamente nelas, como no pasado mes de febreiro, cando aquí falamos da mellora das conexións viarias na cidade".

"É moito o que se pode aportar a través da colaboración e da cooperación en todos os ámbitos, pero moi singularmente, no terreo comercial e empresarial, onde se xera boa parte da riqueza económica, laboral e social dun concello e da sociedade no seu conxunto", indicou. Nese terreo, apuntou o rexedor municipal, "o Club Financeiro é un núcleo modélico, cunha grande actividade que transcende do ámbito profesional e sectorial para impulsar ideas e iniciativas de forte calado social".

Hernández salientou o posicionamento do CFS en relación coa "integración de concellos limítrofes ao noso concello, unha idea que, cos matices que aconsellan as propias competencias e autonomías municipais, nós xa temos expresado, porque entendemos que tamén no terreo da administración dos intereses públicos, a colaboración, a cooperación e a integración en proxectos comúns son beneficiosas e necesarias".

Finalmente, agradeceu "as achegas do Club Financeiro, dos seus asociados e de todos os que desde as súas responsabilidades contribúen a esa empresa común de mellorar a cidade" e animounos a "continuar con ese labor, do que, sen dúbida, só cabe agardar boas noticias para o futuro".

Compartir: