ALCALDÍA

Hernández cualifica #ComposGastroBlog como "unha peza fundamental na aposta pola promoción da nosa gastronomía", sintetizada na marca Compostela Gastronómica

09/04/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou a primeira edición de #ComposGastroBlog, as Xornadas de Comunicación 2.0 e Gastronomía de Santiago, que reúnen no Hostal dos Reis Católicos a máis de 100 expertos no mundo da gastronomía e a súa difusión a través das redes sociais. #ComposGastroBlog celébrase este xoves e venres, e serve de antesala e plataforma de promoción de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, que terá lugar entre o 16 e o 21 de abril.

Hernández destacou as "novas posibilidades de relación humana" que teñen creado ferramentas como os blogs ou as redes sociais. Nese sentido, apuntou que "a Comunicación 2.0 é tamén o presente para a promoción dun destino ou dun produto turístico".

"Hoxe hai plataformas en Internet e persoas con contas influentes que motivan as decisións de millóns de persoas acerca de en que país ou cidade pasar as súas vacacións, en que hoteis durmir, que lugares ou monumentos visitar ou en que restaurantes comer", dixo, polo que "se non estás na rede con valoracións positivas nas plataformas axeitadas e por persoas con contas influentes, entón dificilmente poderás competir no esixente mercado turístico".

É por isto que que o Concello, a través de Turismo de Santiago, quere mostrar o compromiso municipal coa promoción a través das redes sociais. "Pero non queriamos repetir modelos xa establecidos, senón facer un evento propio, que nos diferenciara e nos posicionara cunha mensaxe clara", explicou o alcalde. De aí a aposta por #ComposGatroBlog, un "encontro de persoas e empresas con influencia en redes sociais, pero centradas nun tema en concreto: a gastronomía".

Estas xornadas, apuntou, nacen "como unha peza fundamental dentro da aposta municipal pola promoción da nosa gastronomía", sintetizada nunha marca, Compostela Gastronómica, coa que "queremos consolidarnos como un destino gastronómico de dimensión internacional". Desta marca e como referencia a ela xorde o nome #ComposGatroBlog.

Neste mesmo sentido, Hernández xustificou a elección destas datas para as xornadas co fin de que que sirvan de antesala a Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, que se celebrará do 16 ao 21 de abril, e que "pretende converter ao noso Mercado de Abastos e aos nosos restaurantes en lugares de festa arredor da gastronomía galega".

Programa
O programa de #ComposGastroBlog comezou este xoves con "Facendo marca", unha mesa redonda na que participaron a directora de Marketing de Paradores, Estefanía Gómez; o director de Marketing de Gadisa, Antonio Cortés; o responsable de Marketing de Alotofus, plataforma de captación de talento na Rede, Carlos Otero; e a xornalista e blogueira Belén Parra, do blog Gastronomistas.

Tamén este xoves houbo unha charla de Paco Nadal, un dos blogueiros máis coñecidos e seguidos de España, que escribe o seu blog en "El Viajero" de El País, e que ten máis de 25.000 seguidores na súa conta de Twitter. Tras a charla de Paco Nadal houbo unha degustación de produtos de Área Santiago á que estaban convidados todos os inscritos ás xornadas.

A mañá do venres comezará cunha mesa redonda titulada "A reputación séntase á mesa", na que participarán catro profesionais que ofrecerán distintas perspectivas sobre a importancia que unha boa reputación en Internet ten para un restaurante. Participarán Blanca Zayas, de TripAdvisor; Fidel Martín, do blog Instinto Humano; Manuel Bustabad, de Expresso, medio electrónico especializado en Turismo; e Iago Pazos, do restaurante compostelán Abastos 2.0.

Pola mañá haberá outra mesa redonda que formulará a pregunta: "¿Ofrecemos novas fórmulas na mesa?". Nesta mesa, moderada pola directora da Escola Superior de Hostalería de Galicia, Patricia Cuevas, participarán Nábila Prieto, de JustEat; Raquel González, de Eltenedor.es; Antonio Muíños, da empresa galega Portomuíños; e Mariano Munuera, de BAP&Conde. #ComposGastroBlog pecharase o venres pola tarde cun coloquio no que se amosarán cinco casos de éxito na Rede, Viajes Chavetas, Fedegustando, Gastronomía en Verso, Galicia Mola e Mariskito.com, que suman milleiros de seguidores nas súas contas en redes sociais e blogs.

Compartir: