TURISMO

As xornadas #ComposGastroBlog reúnen en Santiago a máis de 100 expertos en Comunicación 2.0 e Gastronomía

08/04/2015 #ComposGastroBlog, as Xornadas de Comunicación 2.0 e Gastronomía de Santiago, reunirán no Hostal dos Reis Católicos a máis de 100 expertos no mundo da gastronomía e a súa difusión a través das redes sociais. #ComposGastroBlog celebra a súa primeira edición este xoves e venres, e servirá de antesala e plataforma de promoción de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, que terá lugar entre o 16 e o 21 de abril.

#ComposGastroBlog diríxese a cociñeiros e profesionais do sector da hostalería, que poderán coñecer as posibilidades que lles ofrecen as redes sociais e as novas canles de comunicación para os seus traballos. Pero tamén se dirixe a blogueiros e comunicadores gastronómicos, que poderán intercambiar ideas e experiencias nun evento deseñado a súa medida.

O programa de #ComposGastroBlog comeza este xoves 9 de abril con "Facendo marca", unha mesa redonda na que participan a directora de Marketing de Paradores, Estefanía Gómez; o director de Marketing de Gadisa, Antonio Cortés; o responsable de Marketing de Alotofus, plataforma de captación de talento na Rede, Carlos Otero; e a xornalista e blogueira Belén Parra, do blog Gastronomistas.

Tamén o xoves, ás 19:30 horas, haberá unha charla de Paco Nadal, un dos blogueiros máis coñecidos e seguidos de España, que escribe o seu blog en "El Viajero" de El País, e que ten máis de 25.000 seguidores na súa conta de Twitter. Tras a charla de Paco Nadal haberá unha degustación de produtos de Área Santiago á que están convidados todos os inscritos ás xornadas.

A mañá do venres comezará cunha mesa redonda titulada "A reputación séntase á mesa", na que participarán catro profesionais que ofrecerán distintas perspectivas sobre a importancia que unha boa reputación en Internet ten para un restaurante. Participarán Blanca Zayas, de TripAdvisor; Fidel Martín, do blog Instinto Humano; Manuel Bustabad, de Expresso, medio electrónico especializado en Turismo; e Iago Pazos, do restaurante compostelán Abastos 2.0.

Pola mañá haberá outra mesa redonda que formulará a pregunta: "¿Ofrecemos novas fórmulas na mesa?". Nesta mesa, moderada pola directora da Escola Superior de Hostalería de Galicia, Patricia Cuevas, participarán Nábila Prieto, de JustEat; Raquel González, de Eltenedor.es; Antonio Muíños, da empresa galega Portomuíños; e Mariano Munuera, de BAP&Conde. #ComposGastroBlog pecharase o venres pola tarde cun coloquio no que se amosarán cinco casos de éxito na Rede, Viajes Chavetas, Fedegustando, Gastronomía en Verso, Galicia Mola e Mariskito.com, que suman milleiros de seguidores nas súas contas en redes sociais e blogs.

Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega
A segunda edición do Festival da Cociña Galega encherá de actividades gastronómicas o Mercado de Abastos entre o 16 e o 21 de abril. A Aula Gastronómica acollerá múltiples obradoiros de cociñeiros composteláns, galegos e españois, como Pepe Solla, Yayo Daporta, Nacho Manzano, chef asturiano con dúas estrelas Michelín, ou Víctor Pérez, cociñeiro peruano cunha estrela Michelín afincado en Salamanca, que amosará como preparar ceviche con produtos galegos. As inscricións para os obradoiros poden facerse na web de Compostela Gastronómica.

Direccións relacionadas



Compartir: