CULTURA

A compañía barcelonesa T de Teatre representa en Santiago "Mujeres como yo"

08/04/2015 A compañía barcelonesa T de Teatre chega este xoves a Compostela para presentar o seu último traballo, Mujeres como yo. Será ás 20:30 horas no Teatro Principal e enmarcado dentro da programación do ciclo de Teatro 2015. As entradas teñen un prezo de 18 euros en anticipada e 20 euros o día do evento (16 e 18 no anfiteatro) e poden mercarse tanto no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 h) como en entradas.abanca.com ou no teléfono 902 434 443.

Creada en 1991 por cinco novas actrices que naquel momento acababan de graduarse no Institut del Teatre de Barcelona, máis de 2.500 funcións e dúas décadas de experiencia despois, podemos dicir que a compañía feminina barcelonesa T de Teatre adoita acertar nas súas propostas. Na súa nova aventura, Mujeres como yo, quixeron poñerse nas mans dun home de teatro como Pau Miró para, xuntos, retratar toda unha xeración de mulleres, as de preto da cincuentena. E neste mundo da cincuentena, onde se esvaecen todas as certezas, néganse a caer no abismo.

Esta é unha historia que comeza sendo íntima pero que xira cara ao descoñecido e a comedia negra e disparatada conducida pola man dun destro dramaturgo. Mujeres como yo é a terceira parte dunha triloxía xeracional deseñada por Pau Miró, que en Els jugadors se ocupaba dos homes que se achegan aos 60 e en Un refugi indie falaba dunha xeración que arredor dos 20 anos tiña que afrontar unha nova situación de crise.

Mujeres como yo é un retrato de agora, salpicado por inesperadas chispas de intriga, debuxado polo humor único e aditivo das actrices de T de Teatre.

Direccións relacionadas



Compartir: