CULTURA

Once novos espectáculos para todos os públicos no segundo trimestre do ano dentro do ciclo Infantil & Familiar

08/04/2015 A concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron a programación do ciclo Infantil & Familiar para o segundo trimestre do ano. Serán 11 espectáculos dirixidos aos máis pequenos da casa e pensados para gozar en familia.

Os 11 espectáculos ván dende a danza contemporánea e acrobática ata un musical, pasando polo cabaré infantil, música, títeres, maxia, clown, teatro infantil, funcións específicas de teatro para bebés e circo. No primeiro trimestre, no que houbo tamén 11 espectáculos, superouse a cifra de 5.000 asistentes, cun cheo absoluto ata en cinco ocasións.

Xoga. Danza contemporánea o 11 de abril no Teatro Principal
Se te miras ao espello, podes verte por dentro? Xoga é un espectáculo para descubrir como es e saber de que estás feito nun encontro didáctico que conxuga espazo escénico, audiovisual, música e danza. Diversión e espectáculo únense nesta viaxe dende a imaxinación ao coñecemento. Tras a estrea no Teatro Colón da Coruña, a compañía galega Entremans presenta no Teatro Principal o seu novo espectáculo de danza dirixido a un público familiar, e especialmente a rapaces de 3 a 6 anos de idade, con contido didáctico sobre o funcionamento do noso corpo.

Merenda de libros. Cabaré infantil o 18 e 19 de abril na Zona C
Trátase dun cabaré infantil, e familiar, no que tres persoas adultas que en ningún momento pretenden facer de nenos, senón que simplemente tentan divertirse coma nenos, póñense a merendar textos… Un achegamento entretido e lúdico ao mundo das letras como parte dunha realidade común e máis cotiá do que, quizais, coidabamos. Creado pola compañía compostelá Teatro En Punto, Merenda de libros non é unha obra de teatro senón máis ben un xogo, no mundo da fantasía, arredor dos conceptos "libro" e "palabra".

Estamos no verán!!!. Música e danza o 19 de abril no Teatro Principal
Estamos no verán!!! é un espectáculo musical e de danza configurado a partir da novela-cd de idéntico título, editada por Galaxia, con texto de Charo Pita e músicas de Xoán Curiel e a banda Son+d2. Estamos no verán!!! conta a historia duns amigos (Xoán, Jara, Alberte, Carlos) que durante as vacacións queren montar un grupo de música. Mergullados nun soño de verán, os rapaces descubrirán estilos musicais como o rock, pop, funk, reggae, rap, bossa etc., nun concerto dinámico, rítmico e participativo.

Romeo e Xulieta. Música clásica e títeres o 25 de abril na Cidade da Cultura
A compañía catalá de monicreques Per Poc e a Real Filharmonía de Galicia presentan unha adaptación da historia de Romeo e Xulieta, de William Shakespeare, vista a través do descritivo ballet composto polo ruso Sergei Prokofiev. Per Poc propón unha achega moi visual na que a música é a protagonista, na que a orquestra, a xeito de escenografía, e os monicreques de gran formato (deseñados nunha técnica mixta de marote e bunraku e con tamaños que van dos 2 aos 4 metros de altura) conforman unha unidade.

Alokayto. Maxia e clown o 26 de abril no Auditorio Abanca
Que resulta máis poderosa, a maxia ou a risa? O reputado e multipremiado (Premio Warner Bross en maxia infantil entre outros) Mago Kayto, terceira xeración dunha familia de clown, combina estas dúas artes nun espectáculo incomparable. Ilusión, trucos inexplicables e moito bo humor serven de fío condutor nunha función asombrosa onde os máis novos da casa e a risa son os verdadeiros protagonistas dunha experiencia máxica na que nada é o que parece e o imposible parece facerse posible.

Moito conto. Teatro infantil o 3 de maio no Teatro Principal
Moito conto é unha comedia musical 100% ecolóxica da creativa e activa compañía compostelá Redrum Teatro na que, seguindo a estrutura do popular conto de Hansel e Gretel, se tenta educar e concienciar en valores de coidado ao medio ambiente e hábitos de vida saudables. Pepiño e Manola están a piques de vivir un gran desafío; enganados pola súa madrasta acabarán perdidos no bosque onde vivirán unha aventura que os cambiará para sempre.

Cocer e cantar. Títeres e cabaré infantil o 14 e 15 de maio na Zona C
Dous músicos metidos a cociñeiros deciden facer unha sopa de cocido solidaria para repartir entre o público. Un "pequeno" erro na interpretación da receita provoca que o resultado sexa unha riquísima sopa de música, cantigas e contos, na que os nenos atoparán triscos como o gato do romance, unha ratiña moi presumida, os habitantes dun galiñeiro moi particular. A compañía Seisdedos utiliza marionetas tradicionais e música en directo como ingredientes para crear "un espectáculo gastronómico-musical para monicreques".

Aladdin. Teatro infantil o 16 de maio no Teatro Principal
Aladino coñece unha misteriosa personaxe que lle ofrece facese rico se o axuda a conseguir unha vella lámpada de aceite que se atopa nunha cova encantada. Dende Euskadi, a compañía Gorakada achega a riqueza plástica do universo das 1001 noites... O espírito da obra e a capacidade de evocación fan de Aladdin un espectáculo delicado, poético e de amizade. A princesa Alma, o xenio da lámpada, o feiticeiro e Aladino están dispostos para empezar a aventura.

Tilintilonia. Teatro para bebés o 17 de maio na Zona C
As teas voan coma o aire, fan ondas como a auga, queiman como o lume e acubíllannos como a terra. A compañía viguesa O Baúl da Tía Tola presenta un espectáculo para bebés no que buscan o estímulo dos sentidos, unha viaxe a través das sensacións e das emocións. Tilintilonia é un pequeno planeta habitado por Tilín e Tilón, cada unha co seu son. Tilín e Tilón descubrirán un mundo cheo de texturas, cores, sons e fantásticos seres que xorden coa música, un mundo onde o aire e a auga se converten en elementos do xogo.

Heian. Danza acrobática, circo e música o 31 de maio no Auditorio Abanca
A compañía Zen del Sur é o resultado dun traballo conxunto de bailaríns, acróbatas, músicos contemporáneos e deseñadores co obxectivo común de buscar un diálogo creativo entre son e movemento, perseguindo a emoción. A súa primeira produción é Heian, que en xaponés significa paz e tranquilidade. Música en vivo (instrumentación clásica, contemporánea e de orixe africana), danza acrobática (con recursos de danzas urbanas) e circo fusiónanse en Heian, un espectáculo multidisciplinar cargado de forza e sensibilidade que mereceu xa numerosos e prestixiosos premios.

Un musical de cine. Musical o 17 de xuño no Auditorio de Galicia
O traballo de 200 construtores de decorados e máis de 130 entusiastas participantes en directo, entre actores, bailaríns, músicos, cantantes, técnicos de luz e son, tremoístas, maquilladores e perruqueiros, fan posible Un musical de cine: un percorrido teatral e musical pola historia da sétima arte dende os tempos do cine mudo ata hoxe. Nunha cidade imaxinaria, situada nun futuro próximo, na que as artes e as humanidades son desvalorizadas e perseguidas, o alumnado dun instituto decide facer un filme. A pesar da oposición da dirección da escola, a creatividade e a ilusión dos nenos farano posible.

Direccións relacionadas



Compartir: