PROMOCIÓN ECONÓMICA

Segue aberto o prazo de inscrición para o concurso I+C

18/09/2006 A Concellaría de Promoción Económica e Comercio manterá aberto ata o día 30 do mes de setembro o prazo para a participación no primeiro concurso I+C (Imaxinación máis Comercio).

Os establecementos interesados en tomar parte no concurso deben presentar no Rexistro Xeral do Concello un proxecto no que expliquen as iniciativas que queren poñer en marcha. Inclúese o deseño de campañas de difusión e promoción comercial, a mellora da identidade corporativa, a rotulación, as reformas en decoración e iluminación, ou calquera outro tipo de proxecto que permita mellorar a imaxe da oferta comercial da cidade.

Deste xeito, preténdese premiar a creatividade, ao tempo que se facilitan os medios financeiros para que os pequenos e medianos comercios da cidade poidan poñer en marcha estratexias de comunicación ou mercadotecnia dos seus negocios. Para que iso sexa posible, o premio que recibirá o gañador consiste unha achega económica, en dúas liñas: 2.000 euros para levar adiante o proxecto presentado e 600 euros máis para unha campaña radiofónica de difusión do seu negocio.

Un xurado composto por un deseñador gráfico, un profesional da comunicación, un experto en interiorismo e decoración, representantes das asociacións de comerciantes da cidade, da Cámara de Comercio e da Concellaría de Promoción Económica valorará as propostas presentadas entre o 1 e o 15 de outubro, para a partir desa data dar a coñecer o establecemento gañador.

Na páxina web da Concellaría de Promoción Económica (www.maiscompostela.org) pódense consultar máis polo miúdo as bases do concurso, e tamén descargar o formulario de participación.

Descontos publicitarios para comercios

Por outra parte, o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, anunciou o acordo ao que o seu departamento chegou cos medios de comunicación locais para lograr descontos en publicidade para os comercios. Grazas a este acordo, os establecementos comerciais participantes nos concursos Escaparatismo SCQ Shopping 2006 e Imaxinación máis Comercio 2006, así como as persoas físicas ou xurídicas que resulten beneficiarias das liñas de subvencións dos programas Compostela Activa, Equal Compostela Social, Proxecto Persoa, Proxecto Crear e demais programas de emprego da Concellaría, poderán contratar a inserción de publicidade do seu establecemento nos medios de comunicación en condicións máis vantaxosas mediante a aplicación de tarifas especiais.

O convenio de colaboración asinouse con Onda Cero Radio, Corporación Voz de Galicia, Radio Popular-COPE, Grupo Correo Gallego, Localia e Cadena Ser. O contratante da inserción publicitaria será directamente o establecemento comercial/empresarial ou a persoa física que presente, no medio de comunicación de que se trate, un certificado que, logo de que o solicite, emitirá a Concellaría de Promoción Económica e Comercio. Este certificado será o título habilítante para poder acceder ás tarifas especiais pactadas cos medios de comunicación e conterá os seguintes datos: nome comercial ou razón social, representante da entidade, enderezo e NIF/CIF.

O modelo de solicitude do certificado pódese descargar na páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Comercio (www.maiscompostela.org), ou recollelo nas nosas oficinas ou na Oficina de Atención ao Cidadán do Concello (rúa do Presidente Salvador Allende, 4 - Baixo), e deberán presentala cuberta no Rexistro Xeral do Concello no mesmo enderezo.

Unha vez emitido, o certificado será remitido ao interesado por correo postal ou ben poderá recollelo nas Oficinas da Concellaría de Promoción Económica e Comercio no seguinte enderezo: Multiúsos de San Lázaro. Porta 9. Avenida de Fernando Casas Novoa, 20. 15703 Santiago (A Coruña). Teléfono: 981 54 24 93.

Compartir: