SERVIZOS SOCIAIS

"A nosa vida en positivo" arranca cun obradoiro sobre a Lei 5/200, de responsabilidade penal do menor

08/04/2015 A concelleira de Servizos Sociais, María Corral, asistiu ao obradoiro realizado pola Asociación Arela no Centro Sociocultural das Fontiñas, que se enmarca dentro do programa A nosa vida en positivo, promovido pola Concello en colaboración co equipo comunitario do barrio de Fontiñas.

Nesta actividade, na que participaron 90 alumnos e 11 profesores de 4º da ESO do IES Antonio Fraguas, explicouse a Lei 5/2000, de responsabilidade penal do menor, coa finalidade de que os adolescentes saiban como abordar conflitos nos que poden estar inmersos, facendo especial fincapé nas situacións de acoso escolar, maltrato familiar, lesións e ameazas ou delitos derivados dunha mala utilización das redes sociais. Explicouse ademais as consecuencias legais que ten a comisión destes delitos.

María Corral dirixiuse ao alumnado sinalando que "con este proxecto, que ten un enfoque preventivo, queremos traballar temas da vida cotiá, relacionados coas dificultades que podedes atopar no proceso de crecemento persoal. Consideramos que a información é a ferramenta básica para as persoas, que as pode orientar na toma de decisións".

A concelleira afirmou que entre os obxectivos do programa se inclúe que as rapazas e rapaces saiban que hai organismos públicos que velan pola súa protección e se preocupan en traballar aspectos que inciden no seu benestar e no das súas familias; que coñezan que toda persoa é titular de dereitos, pero tamén de obrigas, e que isto é básico para vivir en familia e en comunidade. Apelou aos mozos e mozas a ser "conscientes de que os nosos actos teñen sempre consecuencias, unhas positivas e outras non tanto e que os erros, en certa medida, tamén se poden reconducir, dependendo sempre da nosa vontade".

Conferencia o 21 de abril
A segunda edición de A nosa vida en positivo continúa durante o mes de abril coa conferencia "Ser mozo hoxe", que o próximo día 21 impartirá Javier Urra Portillo, doutor en Psicoloxía e Ciencias da Saúde e pedagogo terapeuta.

A conferencia contará con dúas sesións. A primeira delas terá lugar no CSC das Fontiñas entre as 11:00 e as 12:30 horas e asistirá o alumnado de 6º de Educación Primaria dos CEIP Fontiñas e Monte dos Postes e o de 1º de ESO do IES Antonio Fraguas. Como novidade este ano, a iniciativa abriuse a tódolos centros escolares, polo que haberá unha segunda sesión da conferencia entre as 17:00 e as 18:30 horas no Palacio de Congresos.

Compartir: