CENTROS SOCIOCULTURAIS

Cultura conmemora o traballo de Médicos sen Fronteiras coa exposición "40 anos de acción humanitaria independente"

08/04/2015 A Concellería de Cultura, co ánimo de apoiar e divulgar o traballo da organización médico-humanitaria de ámbito internacional Médicos sen Fronteiras, vén de programar en tres centros socioculturais durante os meses de abril, maio e xuño a exposición fotográfica 40 anos de acción humanitaria independente.

Esta mostra, segundo indicou a concelleira de Cultura, María Antón, achegará aos visitantes unha escolma de 30 fotografías que reflicten o traballo que esta organización vén realizando en poboacións que se atopan en situacións precarias ou son vítimas de catástrofes de orixe natural ou humana e de conflitos armados ao longo de 40 anos. Algunhas das imaxes poñen de manifesto realidades coma a vivida tras o tsunami de 2004 no sureste asiático, a crise nutricional en Níxer, a febre de Marburg en Angola, a expulsión de inmigrantes en Marrocos, o conflito armado en Colombia en 1985, a primeira Intifada en 1998, a guerra en Bosnia ou a fame en Etiopía.

A mostra, que poderá visitarse en tres centros socioculturais, está composta de 30 fotografías e de información sobre a organización e os seus principios e campos de intervención. Co obxectivo de sensibilizar á opinión pública e dar a coñecer a labor humanitaria como experiencia vital e o seu percorrido dende hai 40 anos, os centros socioculturais convértense en espazos para compartir e recoñecer o traballo que Médicos sen Fronteiras quere achegar aos barrios de Santiago.

A exposición recolle fotografías de Sebastiao Salgado, Juan Carlos Tomasi, Bruno Stevens, Olivier Jobard, Roger Job, Eric Bouvet e Jonh Stanmeyer, ademais de axencias como Gamma, Magnum, Crosnos, Moment, Sipa Press e VII. Poderá visitarse entre o 8 e o 27 de abril no CSC do Ensanche, do 30 de abril ao 20 de maio no CSC de Vite e do 22 de maio ao 9 de xuño no CSC das Fontiñas.

Actividades paralelas
Ademais da exposición fotográfica, nos centros soocioculturais realizaranse diversas actividades complementarias, coma o ciclo de cine humanitario MSC Miradas sen fronteiras, que contará coa proxección das obras From action to words e Invisibles o día 8 de abril, ás 11:00 e 11:30 horas, respectivamente, no CSC do Ensanche. O sábado día 25 de abril proxectaranse Acces to the danger zone, ás 17:30, e Fire in the blood ás 19:00 horas. Haberá tamén un contacontos para nenos e nenas o 17 abril no CSC do Ensanche, o 8 de maio no CSC de Vite e o 29 de maio no CSC das Fontiñas.

Estas actividades complétanse coa presentación e o debate sobre o cómic El fotógrafo, editado por MSF, que será conducido por membros da organización e persoas con experiencia en axuda humanitaria. Será o día 26 de maio, as 20:00 horas, no CSC das Fontiñas.

Médicos sen Fronteiras
Para Médicos sen Fronteiras, organización médico-humanitaria internacional, o apoio da sociedade civil é fundamental. Unha das súas bases é a independencia, principio que se pode levar a cabo grazas ao papel dunha cidadanía sensibilizada. Este é o único camiño para dar asistencia libre de presións políticas, económicas, militares ou relixiosas, así como poder responder de inmediato a emerxencias, a miúdo en países ou rexións onde non hai outra axuda ou esta é moi escasa.

MSF naceu en decembro de 1971 de man dun grupo de médicos e xornalistas inconformistas coa realidade da que eran testemuñas. Así, defendían unha acción médica independente de intereses políticos e económicos, que acudira alí onde as poboacións vítimas de situacións de emerxencia o requirisen á vez que facían fincapé na importancia de dar testemuño destas realidades ignoradas por moitos.

Ao longo destas catro décadas, o acceso ás poboacións sempre foi difícil; non obstante, MSF constata que, na actualidade, o respecto polas intervencións humanitarias se reduciu aínda máis, de forma que cada vez resulta máis complexo negociar a presenza dos equipos e preservar a seguridade dos proxectos en ámbitos volátiles. As ameazas non veñen unicamente do obstáculo e o acoso en terreo, senón de preocupantes estratexias de manipulación e politización da axuda humanitaria en beneficio doutros intereses que non son os das poboacións necesitadas de axuda urxente.

Direccións relacionadas



Compartir: