CENTROS SOCIOCULTURAIS

Cultura promove un ano máis o proxecto de creación escénica "Ad Hoc" no Centro Sociocultural de Santa Marta

07/04/2015 O Centro Sociocultural de Santa Marta será o escenario da segunda edición do proxecto de creación escénica Ad Hoc, que se desenvolverá do 9 ao 11 de abril, coa representación das pezas teatrais presentadas polos grupos de teatro amador que concorreron á edición deste ano. A programación complétase con varias conferencias e mesas redondas sobre a temática elixida nesta ocasión, a violencia obstetricia.

Co obxectivo de impulsar e divulgar o traballo dos grupos de teatro amador, a Concellaría de Cultura, en colaboración coa Facultade de Ciencias da Educación e Enlata (laboratorio escénico da facultade), pon a disposición deste proxecto, organizado pola USC, tanto os recursos do CSC de Santa Marta como a rede de traballo que en torno ás artes escénicas se desprega dende os centros socioculturais, onde actualmente non soamente ensaian regularmente grupos de teatro non profesional de Santiago, senón que tamén se desenvolven accións formativas coma os clubs de teatro (funcionan 11 actualmente) e se programan funcións con compañías de teatro non profesional e profesional.

O interese dos centros socioculturais por seguir afondando no traballo do teatro de base, como expresión cultural e ferramenta tamén para o desenvolvemento educativo e persoal, é un elemento nuclear na programación.

Na edición deste Ad Hoc poderanse ver catro pezas de creación colectiva orixinais, dunha duración de entre 12 e 15 minutos cada unha, que xirarán ao redor da temática da violencia obstetricia. Así pois, o xoves 9 representaranse as obras Vostede estivo aquí, de Enlata Teatro, e S/T, de Iliria Teatro. O venres 10 será a quenda de Poñer a parir, de Farrapo Teatro, e ]Fábula das galiñas, o gato e o can, de Aturuxo de Melpómene.

Como complemento ao traballo escénico, a organización preparou para a xornada final do sábado 11 de abril conferencias conducidas por asociacións e profesionais que traballan no ámbito da saúde, para así compartir e afondar en torno ao tema da violencia obstetricia, e unha mesa redonda.

Para poder asistir ás representacións teatrais é preciso a recollida previa de invitacións nos centros socioculturais de Vite e de Santa Marta a partir do mércores 8 de abril.

Documentos relacionados



Compartir: