RELACIÓNS VECIÑAIS

A Concellería de Relacións Veciñais pon en marcha novas actividades de alfabetización dixital e de alimentación saudable

07/04/2015 O concelleiro de Relacións Veciñais, José Rosende, presentou dous novos programas de actividades dirixidos ás asociacións veciñais de Compostela, que se suman aos que xa veñen funcionando con éxito como Imos ao baile ou Imos coa asociación, que ofrecen actividades que favorecen a convivencia e a relación coa veciñanza.

Para a posta en marcha das novas actividades, o Concellería realizou unha enquisa entre as diferentes entidades asociativas, propoñéndolles a realización de diversos cursos orientados a que os veciños e veciñas de Santiago poidan adquirir novas habilidades e formación en diferentes eidos da vida cotiá, especialmente nos que se derivan da implantación das novas tecnoloxías e os relacionados coa saúde.

Tendo en conta os resultados da enquisa, poranse en marcha dous programas: un sobre alimentación sa que se materializa no curso Cociña sa e creativa para todos e outro de alfabetización dixital que consta de tres cursos: un de navegación por internet, un de utilidades na rede e outro de contabilidade básica e libros de texto. Realizaranse nas instalacións da Casa das Asociacións de Cornes, na rúa de Manuel Beiras, número 3, e son de balde.

O curso Cociña sa e creativa para todos celebrarase os sábados entre o 18 de abril e o 4 de xullo en horario de 11:00 a 12:30 horas e nel preténdese dotar aos participantes de novas ferramentas que lles axuden a valorar a alimentación, tratando temas como comprender e coñecer a composición dos alimentos e necesidades nutritivas, aprender a elaborar menús equilibrados para cada idade, combinar alimentos para mellorar a saúde (obesidade, colesterol, diabetes, estrés...), a definición dunha alimentación para o equilibrio emocional, cociña tradicional e natural, dieta mediterránea, receitas e prácticas en grupo.

O curso de Navegación por internet contará con cinco sesións de tres horas e cuarto de duración, que se celebrarán os días 22 e 29 de abril, de 19:30 a 22:45 horas, e os días 18 e 25 de abril e o 9 de maio, de 10:30 a 13:45 horas. Neste curso, os asistentes aprenderán conceptos básicos (historia, medios para a conexión, navegadores e buscadores de internet), a empregar algún servizos de internet (e-mail, mensaxería, comunicación e redes sociais), contidos e produtividade (contidos, sitios web, produtividade e seguridade).

Utilidades na rede impartirase en catro sesións de tres horas que terán lugar os sábados entre o 16 de maio e o 6 de xuño, de 10:30 a 13:30 horas. Ensinarase aos participante a realizar diversas operacións na rede coma empregar o DNI electrónico, consultas bancarias, citas no Sergas e Catastro, compra segura en Internet e a comunicarse a través da rede de forma gratuíta.

O curso de Contabilidade básica e libros de rexistro celebrarase os sábados entre o 13 de xuño e o 4 de xullo, de 10.30 a 13.30 horas. Explicarase como realizar contabilidade básica e libros de rexistro para asociacións, balances e asentos contables, diferenzas entre gastos e ingresos ou conta de resultados.

Inscrición
Poderán participar nestes programas os membros e usuarios dos servizos das diferentes entidades asociativas do Concello de Santiago, inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións. Excepcionalmente e sempre que queden prazas dispoñibles, poderán anotarse os cidadáns de Compostela en xeral.

As persoas interesadas deberán inscribirse antes do venres 10 de abril no Rexistro do Centro Sociocultural do Ensanche, na rúa de Frei Rosendo Salvado, 14- 16 baixo, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Máis información:
• Casa das Asociación de Cornes: Rúa de Manuel Beiras nº 3; teléfono 981 542 350
• Centro Sociocultural do Ensanche; Rúa de Frei Rosendo Salvado, 14-16 baixo; teléfono 981 543 090

Horario de atención: de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas

Compartir: