PROMOCIÓN ECONÓMICA

Convocada unha nova edición do Concurso Municipal de Escaparatismo

18/09/2006 O concurso de Escaparatismo SCQ Shopping, organizado pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio, ten este ano catro edicións, coincidindo coas diferentes estacións do ano. Celebradas xa as de primavera e verán, toca agora presentar a convocatoria de outono. Coma en ocasións anteriores, para garantir unha maior participación dos comercios composteláns, remitirase unha carta de convite a cada comercio, xunto coas bases do concurso e o formulario de inscrición.

Na convocatoria de outono, a data tope para inscribirse será o día 6 de outubro. As inscricións poden realizarse por escrito enviando o correspondente formulario por fax ao 981 554 296, ou por medio dun correo electrónico no que se cumprimenten os mesmos datos e que se enviará a: escaparatismo@santiagodecompostela.gal. A inscrición é de balde.

O xurado valorará os escaparates inscritos entre o 9 e o 13 de outubro. Os comercio que participen no concurso deberán estar identificados cun distintivo que achegará a organización e permanecerán iluminados ata as 23 h., excepto se motivos de seguridade esixen a retirada da mercadoría. Os escaparates que non se atopen instalados no momento da visita valorativa do xurado quedarán excluídos do concurso. O xurado reunirase o 17 de outubro para elixir o escaparate gañador desta campaña de outono, e o seu fallo darase a coñecer ao día seguinte, 18 de outubro.

Valoraranse especialmente a orixinalidade, a ambientación e a eficacia da mensaxe publicitaria, tendo en conta tamén as condicións do contorno no que se sitúa o establecemento.

Este 5º Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping Outono 2006 terá como premios unha campaña publicitaria nos medios de comunicación local (radio, prensa e televisión) e outra campaña de promoción en medios de comunicación electrónicos.

Compartir: