CULTURA

Montero e Hernández cantan a Santa Teresa e Beihdja Rahal á música arabo-andalusí no Festival de Músicas Contemplativas

03/04/2015 O Festival de Músicas Contemplativas ofrece na xornada do sábado dúas propostas arredor da figura de Santa Teresa e da música arabo-andalusí. Comezamos ás 19:00 horas na Igrexa de San Fiz de Solovio co programa Vivo sen vivir en min… poesía e música na vida de Santa Teresa, con José Manuel Montero e Juan Ramón Hernández. Xa ás 21:00 horas e na Igrexa da Universidade, Beihdja Rahal, unha sensible artista firmemente comprometida, presenta A Nouba de Arxel… a tradición musical arabo-andalusí. Os dous concertos son con entrada de balde previa retirada de invitación no despacho de billetes do Teatro Principal, que está aberto de 17:00 a 21:00 horas.

O programa de José Manuel Montero e Juan Ramón Hernández está concibido como unha colaxe que intenta trasladar ao espectador unha impresión do que puido ser o mundo poético-musical na vida de Santa Teresa. A pesar da fama alcanzada por fragmentos como "Vivo sin vivir en mi", a obra poética da Santa ocupa unha porción mínima dentro da súa produción literaria, se ben compendia admirablemente o espírito dos seus principais escritos, especialmente El libro de su vida, Camino de perfección e Las moradas. Escritos maiormente en romance, preludian, cunha linguaxe sinxela e directa, o que sería o drama en verso do século de ouro.

Segundo explica Montero, a música formaba parte da educación humanística da época, e Santa Teresa debeu de ter algún tipo de instrución musical, posto que gustaba de improvisar ao órgano, instrumento que se usaba xunto á arpa para acompañar os oficios relixiosos. Un dos instrumentos que se utilizan neste concerto é copia dunha das dúas arpas, das que quedaron testemuños no convento da Encarnación. Para o acompañamento das oracións litúrxicas, así como para o dos poemas, utilizábanse a miúdo os continuos, sucesións de acordes de uso moi común, dos que existen varias recompilacións e que se adaptaban con facilidade ás diferentes métricas.

Con este programa Poesía e música na vida de Santa Teresa, os músicos pretenden mostrar como soaban eses continuos, como puideron soar eses versos e como deberon fundirse en composicións, das que serve como testemuño o poema "Ya viene el alba", posto en música pola propia Santa. As seguintes poesías da Santa agrúpanse en varios bloques atendendo á súa temática e a relación coas diferentes etapas da súa vida. A lectura recitada acompáñase con música da época interpretada por dúas arpas barrocas: algunhas, obras de autores moi coñecidos como Alonso Mudarra, Antonio de Cabezón ou Diego Fernández de Huete e, outras, tons dos que se empregaban no acompañamento ao órgano ou con arpa das liturxias e cerimonias civís e relixiosas. Varias das poesías adaptáronse a melodías da época para a súa interpretación cantada ("Vivo sin vivir en mí", "Ayes del destierro", "Nada te turbe", "A la gala, gala de la religión"), nunha mostra do que podería ter sido a posta en voz dos poemas.

Beihdja Rahal
A nouba, que chega da man de Beihdja Rahal, constitúe o corazón da tradición musical da cidade magrebí e a expresión máis clásica da música arabo-andalusí. Resulta demasiado simplificador dicir que esta música é unha creación da España musulmá –Al Andalus– e que foi introducida polos emigrantes de Al Andalus no Magreb, onde tomou distintas formas segundo as súas orixes (escolas de Sevilla, Córdoba, Granada, Zaragoza etc.). Certamente, o papel de Ziryâb no século IX como fundador dun novo xénero musical e da primeira escola de música en Córdoba é incuestionable.

Non obstante non se pode ignorar a contribución das grandes cidades do Magreb, de Kairouan a Fez, na construción deste patrimonio musical moito antes do final da Reconquista en 1492 e da expulsión definitiva dos árabes polo rei Felipe III en 1609. As diferenzas de estilos e repertorios entre as distintas escolas alxerianas (o gharnâti de Tlemcen, o malouf de Constantine e a çanaa de Alxer), e tamén o malouf libio, o malouf tunecino e a âla marroquí, non resultan pois dos supostos vínculos coas antigas cidades andaluzas, senón máis ben de evolucións locais.

A música arabo-andalusí caracterízase polos elementos seguintes: unha organización codificada da sesión musical baixo forma dunha suite vocal e instrumental, a nouba, composta sobre un modo melódico principal Tab', e uns ciclos rítmicos que estruturan o seu desenvolvemento; a interpretación a cargo dun cantante ou dun coro, acompañados por un pequeno conxunto instrumental; un corpus poético, en parte común ás distintas escolas; e, finalmente, unha concepción filosófica e cosmogónica do sistema modal, herdada dos gregos a través dos pensadores árabes, cuxo corolario é o concepto de sentimento modal que se traduce no oínte nun encantamento case extático, o Tarab.

A estrutura da nouba é a dunha suite de obras vocais e instrumentais que enlaza varias pezas musicais cunha aceleración progresiva do tempo. Cada nouba está baseada nun modo musical principal, o Tab' que lle dá o seu nome pero non impide as cadencias doutros estilos. O mceddar considérase como a parte principal das melodías cantadas. Lento e solemne, tócase nun ritmo a 4 tempos. O btaihi ten unha estrutura e un ritmo similares aos do mceddar, pero o tempo é lixeiramente máis rápido. O mesmo sucede para o derdj, movemento no que o tempo é máis acelerado e no que se observan algunhas rupturas rítmicas. O insiraf é unha peza de ritmo ternario na cal algúns toques son lixeiramente máis curtos. O khlass (final) comeza como un insiraf e pasa a un ritmo máis rápido antes de rematar cunha lenta frase vocal sen percusión que evoca unha última vez o modo principal, Tab'. Non obstante, na práctica habitual, os músicos sáense deste marco convencional e adornan a nouba engadindo outras pezas. O inqilab é unha peza da mesma factura que aquelas pertencentes á nouba pero caracterízase pola súa gran diversidade rítmica. O istikhbar, cuxo poema pode confirmar o tema xeral da nouba ou ao contrario garantir unha transición temática, é a ocasión para que o cantante, liberado dun marco rítmico ríxido, poña de relevo as súas calidades expresivas ao servizo dun poema que non pertence ao repertorio canónico.

Compartir: