TURISMO E DEPORTES

A carreira SantYaGo10K recollerá alimentos para colaborar co Albergue Xoán XXIII

05/04/2015 O sábado 9 de maio celebrarase SantYaGo10K, a primeira carreira nocturna de 10 quilómetros que ten lugar en Santiago. A carreira nace cunha vocación solidaria que quere amosar o espírito social e colaborativo dos afeccionados ao running. Neste momento, cando queda aínda máis dun mes para a carreira, hai xa máis de 250 persoas inscritas.

Todos os participantes na carreira poderán entregar alimentos non perecedeiros no momento de recoller o seu dorsal. Os alimentos que se recollan doaranse ao Albergue Xoán XXIII, proxecto social da Orde dos Franciscanos en Santiago. Ademais, recolleranse todos os tapóns das miles de botellas de avituallamento que se repartiran durante e despois da carreira aos participantes. Estes tapóns destinaranse tamén a colaborar cun proxecto solidario.

SantYaGo10K é unha nova carreira que busca converterse a medio prazo nunha referencia para todos os afeccionados ao running de Galicia e incluso de España. A carreira nace da man do Club de Atletismo Fontes do Sar que, logo de participar en ducias de carreiras en toda España, deseñou unha cita pensando nos corredores populares e tomando os mellores detalles dunha multitude de probas de todo tipo.

Malia o gran número de carreiras que existen actualmente, SantYaGo10K ten unha característica única que fará dela unha experiencia distinta para os participantes: é unha carreira nocturna cun circuíto que percorre o Casco Histórico de Santiago, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, e que remata na praza do Obradoiro, no punto final do Camiño de Santiago.

A liña de saída situarase na avenida de Xoán XXIII, a penas a 200 metros da praza do Obradoiro. O circuíto de 10 quilómetros pasará por varias das rúas principais do Casco Histórico e do centro da cidade. Tamén pasará pola Alameda, onde se poderán contemplar unha das mellores panorámicas do Casco Histórico e da Catedral.

A saída será o sábado 9 de maio ás 22:00 horas e estímase o peche da carreira ás 23:30 h. A data e a hora da carreira están pensadas para incentivar tamén que participantes e os seus amigos e familiares procedentes doutros lugares de Galicia e España poidan pasar unha fin de semana na cidade, unindo deporte e turismo. As inscricións para SantYago10K poden realizarse a través de dúas canles: na páxina web do evento, www.santyago10k.es, ou presencialmente, nas recepcións do Multiúsos Fontes do Sar e do Complexo Deportivo Santa Isabel.

Direccións relacionadas



Compartir: