INNOVACIÓN

O Concello asina un convenio con Vodafone para o control da xestión dos residuos

04/04/2015 O Concello de Santiago vén de firmar un convenio coa empresa Vodafone para a realización dunha proba piloto no ámbito da xestión de residuos. Este proxecto está enmarcado na plataforma Vodafone Cidade Conectada, que ofrece ás cidades o desenvolvemento de servizos intelixentes que incrementan a eficiencia, a xestión e a habitabilidade das mesmas. O acordo foi subscrito polo alcalde, Agustín Hernández, e polo director en Galicia de Vodafone, Miguel Fernández Ares.

Esta iniciativa consiste en dotar de aparatos de medida a certos colectores de residuos da cidade, que estarán conectados vía radio coa plataforma intelixente de Vodafone. Esta plataforma conta cun Centro Intelixente de Operacións (IOC), que permite monitorizar e xestionar os servizos e sistemas da cidade dunha forma máis intelixente grazas a unha visión única e centralizada das operacións e a unha gran capacidade analítica.

O obxectivo deste convenio é mellorar o coñecemento de xestión de residuos da cidade así como controlar a calidade do servizo de recollida selectiva de residuos. Ademais, este sistema posibilitaría a execución de medidas destinadas a facela máis eficiente, de maneira que redundaría nunha mellora da calidade de vida dos seus cidadáns e un incremento da sostibilidade do sistema.

Para poñer en marcha este proxecto escolleranse unha serie de colectores de residuos de recollida selectiva, tanto de papel e cartón coma de vidro. Nestes colectores instalarase un sensor volumétrico, que conterá unha SIM de Vodafone, e permitirá coñecer a posición dos colectores na cidade, unha monitorización en tempo real da enchedura dos mesmos e mostrará de maneira visual cando está cheo ao 80%.

O convenio ten unha duración inicial de 10 meses que podería ser prorrogable.

Esta medida é un novo exemplo das propostas de Cidade Intelixente nas que se está a traballar en Santiago. De feito, forma parte do proxecto Smart iAgo, onde a xestión de RSU (Residuos sólidos urbanos) é un dos piares. Ademais, o Concello está traballando nun prego que incluiría como novidade a modalidade de Compra Pública Innovadora.

Compartir: