XUNTA DE GOBERNO

O martes de Antroido e o San Roque serán festivos locais en 2007

18/09/2006 O Goberno local tamén acordou fixar os días das festas locais do municipio para o vindeiro ano 2007. O martes de Antroido, o 20 de febreiro, e o día de San Roque, o 16 de agosto, festividade de San Roque, serán festivos en Santiago. Dáse a circunstancia de que este ano a Ascensión coincide o día 17 de maio coa celebración do Día das Letras Galegas, motivo polo que non se estableceu esta data.

Outro dos acordos do Goberno municipal foi a aprobación da licenza de obra a favor da Dirección Xeral da Tesourería da Seguridade Social da Coruña, para a construción dun edificio de oficinas en Galeras. O proxecto, realizado polo arquitecto César Portela, ten un orzamento de execución de 5,2 millóns de euros e constará de baixo e catro plantas.

En materia de deportes, aprobouse a realización un ano máis do Día da Bicicleta, que terá lugar a mañá do domingo 25 de setembro, cun orzamento de 8.000 euros. Desenvolverase un percorrido urbano en bicicleta, que arrincará ás 11:00 horas do Paxonal e rematará na Praza do Obradoiro.

Finalmente, adxudicáronse, mediante leasing, elementos de xogo infantís para varios centros de educación infantil e primaria do municipio, por un importe total de 143.300 euros. Beneficiaranse desta dotación os centros Quiroga Palacios, Pío XII, López Ferreiro e Raíña Fabiola. Tamén no ámbito da Concellaría de Educación e Mocidade, aprobouse a lista provisional de admitidos para o curso 2006-2007 na Escola Infantil de Fontiñas.

Compartir: