XUVENTUDE

Compostela volve este sábado á Idade Media co xogo de rol Fillos do Trono

27/03/2015 Este sábado, a cidade de Santiago de Compostela volverá á Idade Media por unhas horas grazas ao xogo de rol Fillos do Trono, organizado pola Concellería de Xuventude e a UMAD.

Trátase dun xogo de rol en vivo ambientado no contexto histórico medieval da cidade de Santiago. O argumento xira en torno aos intereses das diferentes figuras destacadas da nobreza e o clero local, que buscan incrementar o seu poder para congraciarse co rei, ante a súa inminente vista á cidade para investigar un asasinato. Mentres uns pretenderán facerse co dominio político da cidade, outros buscarán riqueza, ou axustar contas con vellos inimigos, nun xogo no que a intriga e a traizón están á orde do día.

A actividade desenvolverase nas distintas prazas e rúas que hai nas inmediacións da Catedral, onde entre as 11:00 e as 20:00 horas máis dun centenar de xogadores interpretarán os seus personaxes, que van dende nobres e membros do cleros ata soldados, meigas, artesáns, espías ou comerciantes.

Entre as 14:00 e ás 16:00 horas, o escenario trasladarase ao Hostal dos Reis Católicos, onde ademais da comida se continuará coa trama do xogo e realizaranse actividades como esgrima antiga. Neste mesmo lugar representarase a escena final do xogo.

Direccións relacionadas



Compartir: