MOBILIDADE

A aplicación "maisbus" permitirá aos usuarios do transporte urbano facer consultas en tempo real sobre autobuses, liñas e incidencias

26/03/2015 TUSSA vén de poñer en macha una nova aplicación, "maisbus", que permitirá aos usuarios do transporte urbano consultar, dende calquera smartphone, información en tempo real sobre este servizo. A aplicación pódese baixar de balde.

O concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Alejandro Sánchez-Brunete, presentou esta nova aplicación, que xa está dispoñible na plataforma Android e en breve será tamén descargable para IOS. Acompañárono na rolda de prensa o responsable de Innovación do Concello, Fernando Suárez; o xerente de TUSSA, José Ramón Mosquera, e o director de Proxectos de Bahía Software, Emilio Díez.

Dende o seu dispositivo móbil, calquera usuario poderá obter información ao momento sobre a rede de transporte urbano da cidade. Así, terá a posibilidade, por exemplo, de localizar a parada máis próxima ao lugar onde se atopa. A aplicación inclúe tamén un buscador de paradas.

Ademais da opción de consultar o percorrido e as paradas de cada unha das liñas do transporte urbano, o usuario poderá consultar a información ao momento das devanditas liñas, co tempo de chegada a cada parada.

A aplicación complétase cun apartado de incidencias, a través da que TUSSA poderá comunicar directamente cos usuarios calquera novidade que afecte a algunha liña do transporte urbano. Finalmente, ofrécese información sobre os puntos de interese próximos a cada unha das paradas do bus urbano.

Esta aplicación súmase a outras postas en marcha polo Concello en materia de mobilidade, como a que, de modo experimental, serve para buscar estacionamento na avenida de Barcelona. Ambas enmárcanse na estratexia do Concello como Smart City.

Direccións relacionadas



Compartir: