PROMOCIÓN ECONÓMICA E MEDIOAMBIENTE

"Compostela Natural", un obradoiro de emprego para recuperar as ribeiras do Sarela

15/09/2006 Os concelleiros de Medio Ambiente, Marta Álvarez-Santullano, e de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, presentaron o obradoiro de emprego "Compostela Natural", un proxecto que lle acaba de entregar á Consellería de Traballo para o seu financiamento. Esta iniciativa divídese en dúas as súas liñas de actuación; por unha banda, a rexeneración das ribeiras do río Sarela; e pola outra, a construción dun albergue cabalar no monte do Gozo.

Ademais dos beneficios para a os veciños da cidade e para os visitantes, ao dotarse de bens e servizos longamente demandados, salienta a outra vertente da iniciativa, a inserción laboral dos traballadores das distintas especialidades. O obxectivo é que esta experiencia sexa o paso previo a unha incorporación rápida e estable no mercado laboral destes profesionais.

Neste obradoiro de emprego tomarían parte 75 traballadores: 15 no módulo de xardinería, 30 no de albalenería, 15 no de carpintería e outros 15 no de electricidade. A previsión é comezar a actividade do obradoiro de emprego o 30 de decembro, durante un período de 12 meses, en dúas fases de 6 meses de duración cada unha. O orzamento conxunto establecido para o desenvolvemento das dúas liñas de traballo (recuperación das ribeiras do Sarela e construción dun albergue cabalar) rolda os 1.400.000 euros.

Rexeneración

Tralas conversas entre os responsables de Medio Ambiente e Promoción Económica e Emprego, considerouse que acometer a actuación de rexeneración sobre o río Sarela era a medida máis urxente a desenvolver, atendendo a esa dimensión de utilidade pública e interese social que teñen os traballos desenvolvidos ao abeiro dos obradoiros de emprego.

A recuperación do Sarela, unha das dúas correntes fluviais que atravesan a cidade, é unha demanda longamente solicitada polos veciños de Compostela, e que ata o de agora só se acometera parcialmente. Coa posta en marcha desta liña de traballo, preténdese continuar o traballo xa realizado noutros tramos deste río, e completar así o seu acondicionamento no segmento máis urbano do seu percorrido.

A rexeneración das ribeiras levaríase a cabo no tramo do río que discorre entre o Carme de Abaixo e a zona de San Lourenzo, dividíndose o labor en sete tramos nos que se desenvolverían diferentes tarefas de recuperación, desde limpeza do cauce e asentamento dos taludes laterais ata recuperación de elementos construtivos (sobre todo as pontes), instalación de alumado, pasando polo acondicionamento de áreas recreativas e xardíns nas beiras do río ou paseos peonís ás súas beiras. Deste xeito, quedaría recuperado para uso público o tramo completo entre e ponte do Sarela e Galeras.

Albergue no Monte do Gozo

Respecto ao albergue cabalar, tomáronse como referencia as cifras, que din que nos dous últimos Anos Santos (1999 e 2004), o número de peregrinos que fixeron a súa rota a Compostela a cabalo roldou os 1.500 en cada unha desas ocasións, cun incremento considerable entre os meses de abril a outubro, e sobre todo na época estival. Na actualidade, a cidade non dispón de ningún servizo específico para acoller en condicións a esta modalidade de viaxeiros.

Por este motivo detectouse a necesidade de dotar á zona do Monte do Gozo (a principal vía de chegada de peregrinos a Santiago, e última parada do camiño antes da súa entrada na cidade) dunha área acondicionada para o albergue dos animais que os peregrinos a cabalo utilizan como medio de transporte para a súa visita a Compostela.

Desta maneira, outra liña de traballo deste obradoiro de emprego sería a construción dun albergue cabalar que permita aos peregrinos que optan por este medio de transporte aloxar en condicións aos seus animais e darlles os coidados necesarios, sen ter que recorrer á iniciativa privada ou á axuda altruísta dos habitantes das zonas de paso do Camiño.

A bo seguro un servizo deste tipo faría que o número de pernoctacións na cidade dos peregrinos a cabalo aumentara notablemente, xa que as dificultades que atopan para ter aos animais ben acondicionados fai que a media de pernoctacións deste tipo de visitante no chegue non de lonxe ás catro noites, que vén sendo a media do resto de peregrinos que fan a rota Xacobea por outros medios.

O albergue construiríase sobre un terreo cunha superficie total de 2.700 metros cadrados, divididos do seguinte xeito:

- Zona de cortes: cunha capacidade de 30 postos ou boxes, ademais dos almacéns –monturas, graneiro, esterqueira- e unha sala de limpeza.

- Zona de pistas: área de esparcimento e adestramento dos cabalos, cun picadeiro cuberto e unha pista exterior circular, ademais de dúas estruturas de gradas.

- Zona de servizos: vestiarios, aseos, oficinas e unha cafetería.

Está contemplado no proxecto que o albergue conte cun servizo de limpeza diario, así como dun veterinario encargado da revisión dos animais e de informar aos propietarios de posibles problemas de saúde. Para completar a oferta, o albergue disporía dun servizo de venda e aluguer de todo tipo de artigos para o benestar animal: mantas de viaxe, cabezas de brida, protectores de cabeza, utensilios de limpeza...

Ademais da experiencia profesional para os participantes no obradoiro de emprego, a posta en marcha deste albergue suporía a longo prazo a creación de catro postos de traballo estables: dous mozos, un vixiante e un recepcionista/administrativo.

Os obradoiros de emprego teñen como finalidade fomentar a adquisición de formación profesional e práctica laboral para desempregados de 25 ou máis anos. Esta aprendizaxe impártese mediante a realización de obras ou servizos de utilidade pública ou interese social. Unha vez rematado o período de execución do obradoiro de emprego, o obxectivo é a inserción laboral dos seus participantes, ben sexa por conta allea, ben sexa a través da creación de iniciativas empresariais propias.

Compartir: