EDUCACIÓN

Alumnos de sexto de primaria do CEIP Raíña Fabiola visitan Salamanca grazas ao programa "Aula de Patrimonio"

24/03/2015 Un grupo de 25 alumnos e alumnas do CEIP Raíña Fabiola están visitando a cidade de Salamanca como premio por ser os vencedores deste ano do programa Aula de Patrimonio, unha iniciativa organizada polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España que ten como obxectivo que o alumnado que vive e estuda nunha cidade patrimonio aprenda a coñecer e valorar non só a súa cidade, senón tamén o resto de cidades que ostentan o mesmo título outorgado pola UNESCO.

Durante a súa estancia de tres días a Salamanca, os estudantes visitarán algúns dos lugares patrimoniais máis emblemáticos da cidade coma o Edificio de Escolas Maiores e Ceo de Salamanca da Universidade, o Museo de Historia da Automoción ou o Museo Art Nouveau e Art Decó. Neste segundo día participaron nunha recepción no Concello salmantino e partiron cara Alba de Tormes, onde fixeron un percorrido pola vila visitando a Torre de Alba de Tormes, a Igrexa da Anunciación, o sepulcro de Santa Teresa de Xesús e a Alameda. Durante a derradeira xornada, este mércores, antes de emprender o camiño de volta cara Compostela, os escolares visitarán o Colexio Misioneiras da Providencia, as torres medievais da Catedral -onde poderán contemplar a exposición ERONIMUS- e as Torres da Clerecía.

Os pasados días 2, 3 e 4 de marzo foi un grupo de escolares de Salamanca o que, grazas a Aula de Patrimonio tivo a oportunidade de visitar Santiago e coñecer máis en profundidade o seu patrimonio histórico.

Ademais destas viaxes culturais, o programa Aula de Patrimonio tamén inclúe a realización de actividades didácticas que xiran en torno a propia cidade patrimonio e a realización dun traballo sobre o patrimonio e as novas tecnoloxías.

Compartir: