CULTURA

Trece novos espectáculos no ciclo Teatro 2015

24/03/2015 A concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron o programa do ciclo Teatro 2015 para o que queda de ano. Serán 13 novos espectáculos que se veñen unir ás cinco propostas xa realizadas no primeiro trimestre e que traerán á cidade o mellor do teatro español en xira. Calidade dos textos e dos actores e actrices que os poñerán sobre as táboas son o denominador común das propostas que poderemos ver no Teatro Principal, Auditorio de Galicia e Auditorio Abanca.

Estarán na nosa cidade actores e actrices como Roberto Álvarez, Fele Martínez, Gorka Otxoa, Pepón Nieto, Anabel Alonso, Alejo Sauras, Gabino Diego, Antonio Hortelano, Javier Gurruchaga, Marisol Ayuso, María Adánez, Mario Gas, Vicky Peña ou Álvaro de Luna, entre outros moitos. As entradas están xa á venda para todas as funcións cuns prezos que van desde os 10 aos 24 euros. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas, de martes a sábado e días de evento), así como en entradas.abanca.com e no 902 434 443. Ademais, poderá mercarse o día propio do espectáculo na sala na que se celebre.

MUJERES COMO YO. 9 de abril no Teatro Principal
Creada en 1991 por cinco novas actrices que naquel momento acababan de graduarse no Institut del Teatre de Barcelona, máis de 2.500 funcións e dúas décadas de experiencia despois, podemos dicir que a compañía feminina barcelonesa T de Teatre adoita acertar nas súas propostas… Na súa nova aventura, Mujeres como yo, quixeron poñerse nas mans dun home de teatro como Pau Miró para, xuntos, retratar toda unha xeración de mulleres que, preto da cincuentena e neste mundo onde se esvaecen todas as certezas, se negan a caer no abismo.

CONSTELACIONES. 19 de abril no Auditorio Abanca
O novo dramaturgo británico Nick Payne deu o gran salto ao West End londiniense (e despois a Nova York) con Constelaciones, obra pola que mereceu a nominación aos premios Olivier… Roland (Fran Calvo) e Marianne (Inma Cuevas, premio á mellor actriz protagonista de teatro nos Premios da Unión de Actores 2015) –apicultor e física cuántica respectivamente– coñécense durante unha barbacoa e comezan unha relación. Constelaciones está inspirada na idea do "multiverso", a teoría de que o noso universo é só un entre os moitos que existen.

CONTINUIDAD DE LOS PARQUES. 25 de abril no Auditorio Abanca
Un parque, de por si, xa é un escenario. E un banco o sitio idóneo para a complicidade ou o antagonismo. Citas concertadas, encontros casuais, conversacións fútiles que se transforman en reflexións profundas. O xixonés Roberto Álvarez, o alacantino Fele Martínez, o irunés Gorka Otxoa e o compostelán Luís Zahera interpretan, dirixidos por Peris-Mencheta, a máis de 20 personaxes que se cruzan, chocan, atopan e "desencontran" no parque nesta obra de Jaime Pujol.

EL EUNUCO. 10 de maio no Auditorio de Galicia
El eunuco de Terencio está coproducido polo Festival Internacional de Teatro de Mérida e trátase dunha versión divertida, trepidante e felizmente libre de Jordi Sánchez e Pep Antón Gómez. Nove personaxes tolos polo amor, o diñeiro, a paixón, o orgullo, os celos e os equívocos. Nove personaxes e outras tantas historias cruzadas nunha montaxe que transita sen complexos polo teatro clásico grecolatino e o musical, pola comedia de situación e o vodevil.

NUESTRAS MUJERES. 27 de maio no Auditorio Abanca
Tres vellos amigos quedaron para xogar a partida de cartas habitual, non obstante un deles atrásase inexplicablemente. Ten unha boa razón: asasinou a súa muller. Cun punto de partida sorprendente, potente, de pura teatralidade, Eric Assous preséntanos o seu máis recente éxito teatral. Os tres protagonistas son Gabino Diego, Antonio Garrido e Antonio Hortelano, tres actores curtidos nas claves da comedia. Unha ollada xeracional, enérxica e vital, sutil e irónica, na máis pura tradición do vodevil francés.

PLUTO. 7 de xuño no Auditorio de Galicia
Pluto é a historia dunha utopía, do soño do reparto xusto da riqueza, do diñeiro, é dicir, de Pluto… E aí é nada, isto xa lle preocupaba a Aristófanes no século IV antes de Cristo nun país mediterráneo onde a democracia pasaba por dificultades, na que algúns cidadáns se facían escravos para poder traballar e comer. Pluto fainos reflexionar con humor… humor ácido e satírico que nos invita á festa da utopía. Unha festa onde a pobreza está erradicada e a riqueza, é dicir, Pluto, lonxe de abusos e exclusións. Atenas hai agora 25 séculos.

INSOLACIÓN. 18 de xuño no Auditorio de Galicia
Con Insolación, Emilia Pardo Bazán non só escribiu unha gran historia de amor, senón tamén unha convencida defensa do dereito a elixir das mulleres. María Adánez interpreta á protagonista Francisca de Asís Taboada, viúva marquesa de Andrade (galega como a propia autora) que vive no Madrid de finais do século XIX, nun medio aparentemente ilustrado de salóns e parladoiros, pero no que non calou a idea da igualdade entre homes e mulleres.

EL LARGO VIAJE DEL DÍA HACIA LA NOCHE. 19 de setembro no Auditorio
Agosto de 1912. O que comeza como unha plácida xornada de veraneo na casa a carón do mar de James Tyrone, célebre autor de teatro, convértese pouco a pouco nun combate descarnado a medida que os demos familiares saen á luz. Unha loita sen cuartel de catro seres humanos fascinantes, condenados a vivir xuntos mentres tratan de reavivar os rescaldos do amor pasado mentres cae a noite. Borja Ortiz de Gondra é o responsable da adaptación deste clásico da literatura de Eugene O’Neill, para unha posta en escena encabezada por dous grandes como Mario Gas e Vicky Peña.

10 NEGRITOS. 25 de setembro no Auditorio Abanca
And then there where none é, segundo a propia autora, a súa mellor idea. Escrita en 1939 bateu marcas de espectadores e lectores: 100 millóns de exemplares vendidos, a novela de misterio máis vendida da historia, un dos 10 libros máis vendidos de todos os tempos. 10 Negritos é a única peza teatral que escribiu, a partir da súa propia novela, a satisfeita Agatha Christie. Os autores da posta en escena recoñecen a inspiración e a influencia da serie televisiva Mad Men para poñer en pé esta intriga na que veremos a 10 personaxes pechados nunha illa e ata o final non saberemos se son vítimas ou asasinos.

TE ELEGIRÍA OTRA VEZ. 4 de outubro no Auditorio Abanca
Seis personaxes, tres parellas, seis situacións pouco realistas para personaxes que poden chegar a selo e que, como o resto do universo, teñen unha materia atragoada: o amor. Non hai nomes, non nos importan. Tampouco importa se se trata dos mesmos personaxes nun "antes" e nun "despois", que todos temos de denominador común a tara emocional, nun ou noutro plano. Importan os feitos e, por suposto, pasalo ben para que todo o mundo se contaxie. Te elegiría otra vez, unha comedia romántica de Sara Escudero, apta para todos os públicos.

TAXI. 30 de outubro no Auditorio Abanca
O protagonista, taxista de profesión, está casado con dúas mulleres e vive con cada unha nun barrio diferente. Todo o seu plan vense abaixo cando acaba por accidente no hospital e o seu nome aparece por partida dobre na comisaría de cada distrito e comeza o enredo. A máis exitosa comedia de Ray Cooney, Run for your wife, estreouse no West End londiniense en 1983 e permaneceu en cartel durante 12 anos interpretada polos máis populares cómicos británicos. Saltou a Broadway e contabilízanse máis de 500 producións en todo o mundo en máis de 30 linguas.

EL TRIÁNGULO AZUL. 15 de novembro no Auditorio Abanca
El triángulo azul é unha intriga angustiosa e un cabaré grotesco no recordo dun suboficial nazi, xefe do laboratorio de identificación fotográfica, que mira atrás para intentar explicar aos seus fillos o inexplicable: o exterminio organizado de millóns de seres humanos. No Nadal de 1942, un grupo de españois conseguiron, por primeira e única vez na historia dos campos de concentración, autorización para representar teatro, e fixérono sen perder o sentido do humor. Trátase dunha obra de Laila Ripoll e Mariano Llorente, producida por Micomicón e o Centro Dramático Nacional.

EL HIJO DE LA NOVIA. 29 de novembro no Auditorio de Galicia
No mes do cinema en Compostela, levamos o cine ao escenario con esta obra de Fernando Castets e Juan J. Campanella. Rafael, o protagonista, non está conforme coa vida que leva. Inmerso nunha crise económica e de valores, cun restaurante e unha relación que non funcionan, unha nai con Alzhéimer á que apenas visita, sente que non cumpre as expectativas de ninguén e só aspira a que o deixen en paz. A historia de amor dos seus pais e a aparición dun vello amigo, cousas que en principio vive como un problema, acabarán por ser o revulsivo para volver a facerse co temón da súa vida.

Direccións relacionadas



Compartir: