ALCALDÍA

Importantes avances no desenvolvemento dos convenios de infraestruturas e de construción da estación do AVE asinados con Fomento

15/09/2006 As reunións que mantivo na mañá do venres 15 en Madrid o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, co director xeral de Ferrocarrís, Luís de Santiago e co secretario de estado de Infraestruturas, Víctor Morlán, permitiron avaliar o estado tanto do convenio de travesías asinado con Fomento, coma do documento para a construción da estación do AVE. Ademais establecéronse as datas para varias obras, deste xeito, sacarase a licitación o cuarto xiro de Cornes antes de final de ano, o túnel da Galuresa e o terceiro carril do periférico, no primeiro semestre de 2007, e a ampliación do acceso ao polígono do Tambre, nos segundos seis meses do ano que vén.

No que se refire ao cumprimento do convenio de travesías, o primeiro proxecto está xa rematado e entregado. Trátase do documento que contempla a construción do cuarto movemento de Cornes, actuación que agora está sendo sometida a supervisión técnica co obxectivo de poder sacala a licitación antes de que remate 2006. Os demais proxectos aínda se atopan na fase de redacción, tanto o de creación do túnel de paso entre a avenida de Lugo e a rúa Antón Fraguas como o da duplicación da ponte de acceso ao polígono do Tambre.

Un equipo de expertos está a realizar o estudo topográfico do entorno da Galuresa e as catas pertinentes, pasos necesarios para a construción do túnel subterráneo entre a Avenida de Lugo e Antón Fraguas. Trabállase coas miras postas no primeiro semestre do ano que ven, data na que se quere que saia a licitación o proxecto, polo que se conta con telo rematado e entregado no vindeiro mes de decembro. Na reunión co secretario de estado de Infraestruturas, tamén se fixou o período comprendido entre xaneiro e xuño de 2007 como data para a licitación do terceiro carril do periférico entre o polígono do Tambre e San Lázaro. En canto á ampliación do acceso ao devandito polígono, fíxase como data para finalizar a redacción do proxecto e para a súa entrega o primeiro semestre de 2007, co que se podería sacar a licitación a obra nos seguintes seis meses do ano que vén.

Respecto do convenio para a construción da estación do AVE, o alcalde compostelán e o director xeral de Ferrocarrís acordaron convocar a comisión de seguimento, integrada polo Concello, a Xunta e o Ministerio de Fomento, o vindeiro mes de outubro, probablemente na segunda quincena.

Compartir: