DEPORTES

A MediaSan do Camiño alcanza a súa segunda edición co ánimo de converterse nunha referencia no calendario atlético galego

24/03/2015 O Centro Comercial Compostela acolleu a presentación do II Medio Maratón MediaSan do Camiño, que se celebrará o domingo 12 de abril e que transcorrerá pola última etapa do Camiño de Santiago entre Arca (O Pino) e a praza do Obradoiro. Os detalles da proba foron explicados nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Deportes, María Corral; o alcalde do Pino, Manuel Taboada; o responsable de Relacións Externas de El Corte Inglés, José Manuel Blanco; o delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; e o que será o padriño da carreira, o atleta compostelán Javier Fernández, Feijoo.

Tras o éxito da primeira edición en 2014, a capital de Galicia volve acoller esta MediaSan do Camiño, que discorre pola última etapa da ruta de peregrinación. Pero desta vez, remárcase aínda máis o carácter simbólico da carreira, xa que a meta estará situada na praza do Obradoiro (na primeira edición a proba rematara a carón do Multiúsos de San Lázaro.

A inscrición estará aberta ata as 22:00 horas do luns 6 de abril. Non se aceptarán inscricións fora do prazo establecido. A inscrición pode facerse a través da páxina web www.carreirasgalegas.com.

Cada participante previamente deberá recoller no Centro Comercial Compostela (El Corte Inglés – Hipercor) a bolsa de corredor co seu dorsal/chip correspondente. Os días para facelo serán o venres 10 de abril de 10:00 a 22:00 horas e o sábado 11 de abril de 10:00 a 22:00 horas. De xeito excepcional, permitirase a recollida do dorsal/chip e bolsa de corredor o día da proba entre ás 08:30 e as 09:15 horas na praza do Obradoiro.

Esta carreira, que comezará ás 10:30 horas, conta con diferentes categorías que van dende júnior ata veteranos maiores de 65 anos. Poderán participar todos aquelas persoas nadas entre 1996-1997, pertencentes á categoría júnior, en adiante.

Avituallamentos, transporte e servizo de duchas
Os participantes deberán situarse na liña de saída, na localidade de Arca-Pedrouzo, 15 minutos antes da hora prevista pola organización para a saída da carreira. A organización porá a disposición dos participantes avituallamentos intermedios e na meta, gardarroupa na zona de meta e na saída (levando á zona de meta todo o depositado nel), servizo de duchas e autobuses para facilitar o traslado dos atletas desde o punto de meta á zona de saída.

Os autobuses sairán dende a dársena de autobuses situada na avenida de Xoán XXIII cunha frecuencia de 15 minutos a partir das 8:30 horas e en dirección á zona de saída. A derradeira viaxe será ás 09:45 horas.

Estableceranse puntos de avituallamento durante o percorrido aproximadamente nos puntos quilométricos 5, 10, 15 e na liña de meta para favorecer a hidratación dos participantes. Haberá servizo de duchas no Polideportivo Municipal de Lorenzo de La Torre dende ás 11:30 ás 14:00 horas.

Premios
A proba premiará os seis primeiros clasificados, nas clasificacións xeral absoluta e por categorías masculina e feminina, cun premio que vai dende os 50 euros ata os 300 euros en caso de resultar gañador/a do maratón. Ademais, os tres primeiros postos de clubs federados recibirán un premio de 300, 200 e 100 euros respectivamente. Levarán trofeos os tres primeiros clasificados/as de cada unha das categorías. A cerimonia de entrega de premios realizarase na praza do Obradoiro ás 13:30 horas.

Todos os detalles da MediaSan do Camiño poden consultarse a través da web do evento: www.mediasandocamino.com.

Javier Fernández, padriño da proba
O II Medio Maratón de Santiago contará cun padriño moi especial, o compostelán Javier Fernández Feijoo, un dos mellores atletas do fondo galego de todos os tempos. Cun carisma especial na cidade compostelá e gañador da Carreira Pedestre nas edicións consecutivas de 1983 e 1984, Javier tivo sempre a virtude de facer vibrar ao público santiagués cando se batía cos atletas lusos cada último domingo de outubro ao cruzar a praza do Obradoiro.

A mediados dos oitenta, na transición do fondo galego, Javier Fernández era uno dos mellores atletas do momento xunto ao vigués Estanislao Durán. Pupilo de Mariano García Verdugo, chegou a realizar unha marca de 2 h 18 m 08 s, quedando sexto no Campionato de España de Maratón.

Direccións relacionadas



Compartir: