CULTURA

Última oportunidade parar ver o "Tío Vania" de Chejov

15/09/2006 Despois dun ano de xira, chega ás súas dúas últimas representacións o "Tío Vania" da Factoría Teatro. O Teatro Principal será o escenario da despedida desta obra universal, que acadou éxitos por toda Galicia e multitude de premios. As dúas citas son o sábado 16 e o domingo 17, ás 21:00 horas.

"Unha obra con contido vivo e moi actual". Así definen os actores da Factoría Teatro o "Tío Vania", unha exitosa montaxe que lles deu o recoñecemento de público e crítica. Como mostra, os premios María Casares 2006, onde tiveron once nominacións e obtiveron os premios aos mellores espectáculo, dirección, actriz protagonista, actor protagonista e tradución-adaptación. Acompañounos na presentación desta despedida o concelleiro de Cultura, Néstor Rego.

O Teatro Principal converterase de novo nun escenario no que o espectador contemplará unha peza que provoca pesimismo, habitada por seres que tiraron a toalla case dende o seu nacemento. Son seres que non apostan pola vida, que teñen pánico a vivila, e que só deciden facer algo cando a alguén se lle ocorre intentar cambiar algo da rutina, da vida á que están condenados. Chejov amosa unha sociedade paralizada, sen futuro, aferrada á rutina, ao traballo, para non ter que pensar neles mesmos, nin no futuro.

Compartir: