ALCALDÍA

Hernández destaca a "completa transformación" do Mercado de Abastos para seguir sendo "punto central da vida comercial, social e económica da cidade"

21/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou coa ministra de Fomento, Ana Pastor, as obras de remodelación do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela. Culminou así, segundo dixo, "unha completa transformación do segundo edificio máis visitado da nosa cidade".

Hernández destacou a importancia para a cidade dun Mercado que "leva máis de 140 anos servindo como un punto central da vida comercial, social e económica da cidade". "Falar do Mercado de Abastos de Santiago –dixo- é lembrar un dos sinais de identidade da nosa tradición, hoxe renovada, que a pesar das modas segue a ser un referente de calidade, de proximidade e de confianza, que atrae clientes e turistas, conscientes da singularidade e do valor do produto, do trato, da tradición e, hoxe aínda máis, dunhas instalacións que sorprenden e admiran".

Das obras, salientou especialmente a potenciación da actividade do Mercado que supón a nova Nave 5, a cal, "no pouco tempo que leva aberta, xa se ten convertido nun lugar de referencia para a cultura gastronómica, para a proxección turística e, en definitiva, como un complemento que reforza e que tamén se beneficia da capacidade de convocatoria deste Mercado".

O alcalde apuntou que a remodelación do Mercado de Abastos "é froito da acción coordinada entre o Goberno do Estado, a Xunta de Galicia e o propio Concello de Santiago". Neste sentido, agradeceu o compromiso do Goberno de España cun dos principais edificios de atracción turística da cidade.

Máis de 5,2 millóns de euros
As obras do Mercado de Abastos supuxeron un investimento de 5.260.178 euros, dos que o 50% foi achegado polo Ministerio de Fomento, o 22,45% pola Consellería Economía e o 27,55% restante polo Concello. As obras realizadas permitirán que o inmoble se continúe destinando ao seu uso natural adaptándoo aos novos condicionantes do mercado. Conta agora cunhas instalacións máis modernas, con novos espazos e cunha reorganización das súas funcións internas.

Rehabilitouse e púxose en valor o edificio, remodelando o interior das naves e o exterior, e acondicionouse a nave 5 como espazo para usos gastronómicos. Ademais, cubríronse as zonas de circulación entre naves, así como da zona de actividade comercial emprazada sobre a muralla: cubrición do espazo central, marquesiñas translúcidas exteriores, toldos e parasoles exteriores.

Outra das intervencións permitiu resolver a comunicación peonil mediante un ascensor entre o Mercado e a rúa Virxe da Cerca. Finalmente, acometeuse unha nova edificación na zona antes ocupada por unhas naves sen valor arquitectónico e polo transformador.

Compartir: