CULTURA

Chegan dende Uruguai os ritmos do Tango

15/09/2006 Dende Uruguai chega a Compostela "Tango Uy", un espectáculo musical e visual arredor do tango neste país. O evento celebrarase o luns 18 de setembro, ás 21:00 horas, no Teatro Principal e consistirá nunha mostra pictórica e no concerto de doce novos talentos do Sistema de Orquestras Infantís e Xuvenís de Uruguai. É a única actuación en Galicia e a primeira dunha xira que os levará por outros lugares de España e por Portugal, Francia e Estados Unidos.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego e do cónsul xeral de Uruguai, Gonzalo Koncke Pizzorno, presentaron o espectáculo, que trae ao Principal unha orquestra de cámara composta por doce rapaces de entre doce e dezaoito anos. Paralelamente, desenvolverase unha exposición plástica no mesmo teatro, con obras de doce artistas uruguaios. A entrada ten un prezo de tres euros.

"Tango Uy" conxuga o visual co auditivo, a música e as artes plásticas, nun espectáculo en torno a algo tan universal como é o tango. O proxecto é froito da unión de esforzos da organización uruguaio-canadiana Trazos Uy e da Fundación Sistema de Orquestras Infantís e Xuvenís de Uruguai. A primeira é unha entidade dedicada á difusión e á promoción da cultura uruguaia no exterior e que centra a súa actividade na promoción dos artistas deste país en Canadá, Estados Unidos, España, Francia, Portugal, China e Xapón. A segunda é unha institución que leva adiante un movemento orquestral de gran significado para o desenvolvemento social de Uruguai, contribuíndo ao aumento da calidade de vida dun sector cualitativamente vulnerable da poboación como é a infancia e a xuventude.

Compartir: