CULTURA

Rapsusklei, Arce, Martirio & Raúl Rodríguez, Es un árbol, Cró!, a Banda Municipal, a Orquestra do Conservatorio e a Real Filharmonía no programa da fin de semana

19/03/2015 O programa cultural desta fin de semana vén cargado de propostas musicais, xa que teremos ata cinco citas con diferentes estilos. Na xornada do venres 20 poderemos escoitar a Rapsusklei e Arce nunha noite de rap e hip-hop na Sala Capitol dentro do ciclo Compostela Rock. Sábado estarán a Orquestra do Conservatorio Profesional e a Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Galicia ofrecendo un concerto familiar; Martirio e o seu fillo Raúl Rodríguez no Teatro Principal dentro do ciclo Sons’15 e Es un árbol e Cro! na Zona C dentro do ciclo Compostela Rock. O domingo poderemos escoitar á Banda Municipal de Música co programa Americanísimo no Teatro Principal a partir das 12:00 horas.

Rapsusklei, despois de 7 anos sen pisar os escenarios de Santiago, volve á cidade para presentar novo disco 'Reality flow'. E por primeira vez, o rapeiro compostelán Arce afronta unha presentación na súa cidade, á beira do respectado Rapsusklei, presentando 'Toke de Queda', o seu último traballo. Será ás 21:00 horas, na Sala Capitol, dentro do ciclo Compostela Rock

O prezo é de 12 euros anticipada e 15 o día do concerto e as entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (de 18:00 a 21:00 h), en Ticketea, salacapitol.com, A Reixa Tenda, Cultura Urbana, Portobello (A Coruña) e 4 Elementos (Vigo e Ourense).

Ralph Vaughan Williams e o mestre do Romanticismo Franz Schubert son os autores deste novo concerto familiar da Real Filharmonía de Galicia, organizado en colaboración co Conservatorio Profesional de Música compostelán. Baixo a dirección de Maximino Zumalave, e con Rafael López de la Torre como solista, a nosa orquestra interpretará o Concerto para tuba –unha das obras máis coñecidas do compositor británico Vaughan Williams– e unha selección da música composta por Schubert para pór en escena a historia de Rosamunda, a filla do rei de Chipre.

O concerto, recomendado a partir de 7 anos, será o sábado ás 18:30 horas no Auditorio de Galicia, dentro do ciclo Infantil & Familiar e a entrada é de balde previa retirada de entrada no despacho de billetes do Teatro Principal ou o propio día do concerto na billeteira do Auditorio de Galicia.

Martirio e o seu fillo Raúl Rodríguez presentan en Sons o seu traballo De un mundo raro. Cantes por Chavela, unha reinterpretación vangardista do repertorio de Chavela Vargas. A admiración, o respecto, de Martirio pola figura de Chavela Vargas vén de lonxe e é de sobra coñecida e permitiulle compartir ao longo dos anos moitos encontros e vivencias con "La Chamana" a unha beira e outra do océano. O concerto é sábado, ás 20:30 h, no Teatro Principal, dentro do ciclo Sons’15.

Pódense mercar as entradas no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18.00 a 21.00h), en entradas.abanca.com ou no 902 434 443. Teñen un prezo de 16 euros (anticipada) e 18 euros o día do concerto.

En el parlamento é o segundo disco de Es un Árbol, composto por 15 temas de rock absurdo. Gravado e mesturado nos insignes Estudos Pastora por Jose Vázquez e Álvaro Gallego na Semana Santa de 2014. "Eles son o futuro como o sorriso dun neno, e están dispostos a facerte arder dentro da súa agreste maquinaria musical". Estarán o sábado, ás 20:30 h, na Zona C, acompañados da banda viguesa Cró!.

O concerto, dentro de Compostela Rock, ten un prezo de 6 euros anticipada e 8 o día mesmo e as entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (de 18:00 a 21:00 h), en A Reixa Tenda, Miranda e Ticketea e o propio día na Zona C.

Finalmente e dentro do seu Ciclo de Primavera, a Banda Municipal de Música, dirixida polo mestre Juan Miguel Romero Llopis, interpretará obras de Egea, Tichelli, Bernstein e Shostakovich o domingo 22 de marzo, ás 12:00 horas, no Teatro Principal. A entrada ao concerto é de balde.

Compartir: