TURISMO

Turismo promociona a cidade nunha edición de Turexpo dedicada ao Camiño

20/03/2015 Turismo de Santiago promocionará a cidade na quinta edición de Turexpo, a Feira Internacional de Turismo de Galicia, que se celebrará en Silleda entre o 20 e o 22 de marzo. A edición deste ano estará dedicada ao Camiño de Santiago como eixo vertebrador dunha ampla oferta turística que percorre aldeas, vilas e cidades de toda Galicia e remata na Praza do Obradoiro.

Turismo de Santiago contará cun stand propio en Turexpo para amosar a oferta turística da cidade aos asistentes, tanto aos profesionais como ao publico en xeral. Tamén terá unha ampla axenda de reunións con touroperadores que participan na bolsa de contratación, concibida como unha para contactar directamente cos profesionais interesados en Galicia e en Santiago.

Turexpo tamén organiza varias viaxes de familiarización para os touroperadores participantes na Feira, cos que se pretende amosarlles os principais atractivos de Galicia para así reforzar as presentacións dos destinos que se fan nas reunións da bolsa de contratación. Na súa visita a Santiago, os touroperadores poderán coñecer a cidade e probar a gastronomía de Compostela.

Os técnicos da empresa municipal manterán reunións con touroperadores procedentes dalgúns dos mercados máis importantes para o sector turístico da cidade: como Alemaña, EEUU, Holanda, Brasil e España. Ademais, terá reunións con touroperadores procedentes doutros mercados que son boas oportunidades como México, Canadá, Polonia, Bulgaria, Hungría ou Rusia

Santiago tamén se promocionará en Turexpo a través de Área Santiago, grupo de traballo para a promoción de 16 concellos dos arredores de Compostela. Área Santiago contará tamén cun stand propio e participará tamén na bolsa de contratación, co obxectivo de amosar a oferta ampla e diversa da zona.

Área Santiago centrará a súa promoción en tres ámbitos nos que leva tempo traballando: gastronomía, distribuíndo o folleto coa oferta gastronómica conxunta que se presentou en Fitur; pesca, que é unha das principais oportunidades dunha zona caracterizada polos seus ríos; e paquetes e excursións, con material deseñado para visitar e coñecer atractivos turísticos de varios concellos a un tempo.

Direccións relacionadas



Compartir: