XUNTA DE GOBERNO

Novas edicións dos certames de danza e de teatro para centros escolares

19/03/2015 A Xunta de Goberno aprobou as memorias e orzamentos das novas edicións dos certames intercentros de danza e teatro, nos que participarán, 7 e 12 centros escolares, respectivamente.

O Certame de Danza Intercentros, Compostela en Danza 2015, alcanza a súa décima edición. Participarán nesta ocasión sete centros de ensino de educación infantil, primaria e secundaria inscritos en actividades de danza extraescolares: San Xosé de Cluny, Pío XX, López Ferreiro, Xelmírez I, Fontiñas, Rosalía de Castro e Arquitecto Casas Novoa.

O certame, que conta cun orzamento de 7.786 euros que todos os anos achega a Deputación da Coruña, celebrarase no mes de maio na sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia. Estímase a participación de 233 bailaríns e a asistencia dunhas 1.000 persoas.

No caso do XX Certame de Teatro Intercentros, o orzamento é de 4.140 euros, que tamén adoita cubrir a Deputación da Coruña. Realizarase no mes de abril no salón de actos dos institutos Rosalía de Castro e Xelmírez, onde se interpretarán as obras que serán votadas polos asistentes e por un xurado profesional.

Elixiranse dous grupos (un de secundaria e outro de primaria) para unha interpretación final no Teatro Principal, aberta ao público, os días 19 de maio e 3 de xuño, respectivamente.

Participarán oito centros de Santiago, un de Vedra, un de Rois, un de Arzúa e outro de Lugo.

Documentos relacionados



Compartir: