XUNTA DE GOBERNO

Licitado o servizo de mantemento da iluminación e das instalacións eléctricas municipais por 1,2 millóns de euros anuais

19/03/2015 A Xunta de Goberno aprobou a apertura do procedemento de contratación do servizo de mantemento da iluminación pública, das instalacións eléctricas dos locais municipais e das instalacións de iluminación ornamental dos monumentos do Concello. O tipo de licitación é de 1.257.043 euros/ano.

"A prestación do servizo ten como fin primordial asegurar o funcionamento das instalacións eléctricas dos locais municipais e da iluminación pública e ornamental dos monumentos, previndo posibles avarías e realizando, no seu caso, as reparacións, substitucións ou melloras necesarias para o mantemento do nivel técnico, tanto das instalacións como dos equipos e da calidade da iluminación", indicou o alcalde, Agustín Hernández, sobre este contrato.

Segundo engadiu, "amén se trata de eliminar os posibles perigos que poida ocasionar a persoas ou cousas, así como adecuar as instalacións ás necesidades urbanas e manter un aceptable equilibrio entre os niveis de iluminación proporcionados e o seu custo enerxético e ambiental".

Outras obrigas obxecto do contrato son o funcionamento do sistema de comunicacións vía GSM (instalado na actualidade); a optimización da facturación de enerxía eléctrica, medidas de aforro de enerxía; e a conservación e renovación das instalacións eléctricas de monumentos, fontes, centros de transformación, grupos electróxenos, instalacións de iluminación e forza de escolas, colexios, centros sociais, instalacións deportivas e demais dependencias municipais.

No tipo de licitación de 1.257.043 euros/ano inclúense os gastos do persoal actual asignado ao servizo -15 persoas- a contratación de tres técnicos, o custo das instalacións do servizo (nave e oficinas), os seguros asociados, o custo anual de medios móbiles e equipos, o custo de materiais e o investimento necesario para a mellora da eficiencia da iluminación pública.

Documentos relacionados



Compartir: