XUNTA DE GOBERNO

Hernández anuncia a adxudicación das obras do Centro Xove de Creación Cultural

19/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, anunciou a adxudicación pola Xunta de Goberno local das obras do Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga, por un importe de 199.560 euros e un prazo de execución de seis meses. O edificio estará situado a carón do CEIP Apóstolo Santiago e da Escola Municipal de Música.

"Con esta adxudicación –explicou Hernández- ponse fin a unha complexa situación derivada da sinatura en abril de 2011 dun contrato para a construción deste centro sen ter a dispoñibilidade dos terreos, xa que parte deles eran do CEIP Santiago Apóstolo". A desafectación solicitárase logo da sinatura do contrato, o 3 de maio dese ano, e fora resolta pola Consellería de Educación o 7 de maio de 2013.

Na Xunta de Goberno do 6 de agosto de 2014 aprobouse a redistribución dos fondos do Urbana Norte. Obtívose así o crédito que faltaba, 41.113 euros, para completar o orzamento total do Centro Xove da Almáciga e así poder seguir co novo procedemento de licitación, por un importe de 229.722 €. Ademais, resolveuse o contrato coa empresa que fora a adxudicataria anterior, trámite que se aprobou o 22 de agosto.

Segundo o alcalde, "o Centro Xove nace coa intención de convertese nun espazo para a xuventude da cidade, no cal poidan desenvolver as súas inquedanzas e poñer en práctica o seu labor cultural". Así, nese equipamento situaranse, por exemplo, os locais de música para a xuventude, que actualmente están localizados nos baixos do estadio de San Lázaro. Ademais, disporá dun centro de creación artística para diversos usos como actuacións musicais, obras de teatro, conferencias ou obradoiros de formación.

Lembrou Hernández que tamén está en proceso de licitación o subministro e instalación de mobiliario para este centro, por importe de 4.784 euros.

Documentos relacionados



Compartir: