XUNTA DE GOBERNO

O Concello concede a licenza para o novo Centro de Acollida de Peregrinos en Carretas

19/03/2015 A Xunta de Goberno deu o visto bo á licenza de obra para o Centro de Acollida de Peregrinos que o Arcebispado de Santiago construirá no número 33 da rúa Carretas. Tal como explicou o alcalde, Agustín Hernández, autorízase así a rehabilitación do edificio para o seu novo uso, a través dun proxecto que conta cun orzamento de execución de 1.076.464 euros –achegado pola Axencia de Turismo de Galicia- e un prazo de execución de 6 meses, desenvolverase nunha finca que ten unha superficie total de 6.547 m2, dos que 2.093 m2 corresponde a edificación.

"O obxecto é acondicionar unha parte do conxunto do inmoble para a creación do centro de acollida de peregrinos no chamado Asilo de Carretas", dixo. Así, o centro de peregrinos ocupará dúas plantas (baixa e primeira) da parte máis antiga da edificación que dá á rúa Carretas coas dúas alas perpendiculares pegadas a esta. Terá dous accesos, polas rúa Carretas para o inmoble e por Domingo García-Sabell para a parcela, dende onde se accederá a un almacén para bicicletas.

A intervención terá unha primeira fase na que se actuará na planta soto, onde irá a recepción, os aseos, as consignas, o estacionamento de bicicletas e as instalacións. Tamén se obrará na planta baixa, que incluirá a entrada, a capela, o salón de actos, o centro interconfesional, a administración, un despacho, a oficina do peregrino, as área de asociacións e de información, o distribuidor e aseos.

A planta primeira destinarase a biblioteca da S.A. de Xestión do Xacobeo sobre o Camiño. Nunha segunda fase desenvolverase o resto da primeira planta.

"A intervención aprobada permitirá rehabilitar as cubertas de todas as edificacións, incluída a do pavillón modernista que existe na propia parcela", indicou o alcalde.

Edificación para investigación da USC
Tamén en materia de licenzas, o Goberno local concedeu a autorización á Universidade de Santiago a construción dunha edificación semisoterrada para a instalación de infraestruturas dentro da Facultade de Física, no número 4 da rúa José Mº Suárez Núñez (Campus Sur). O inmoble estará destinado a un láser de aceleración de partículas e aplicacións.

O proxecto, cun orzamento de execución de 658.892 euros, prevé dous volumes de 35 x 12 metros, nunha soa planta con cuberta vexetal que estenderá, a modo de terraza, o viario e aparcamento ao que dan fronte, garantindo a visión cara ao val do Sarela.

Documentos relacionados



Compartir: