DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

A nova ordenanza de licenzas axilizará a posta en marcha de actividades e contribuirá a dinamizar a actividade económica

18/03/2015 A concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, xunto co director técnico da Área, Ignacio Soto, presentou a nova Ordenanza reguladora da tramitación das licenzas urbanísticas e outras formas de intervención administrativa, aprobada inicialmente a pasada semana pola Xunta de Goberno. Esta norma axilizará a tramitación na posta en marcha das actividades e obras de acondicionamento de locais, eliminando trabas burocráticas innecesarias, liberalizando o exercicio de actividades de servizos, en sintonía cos mandatos da UE, e contribuíndo a dinamizar a actividade económica.

As actividades poderán iniciarse sen previa licenza municipal, cando se teña presentado unha comunicación de actividades. Así, preténdese facilitar e facultar a posta en marcha de actividades e obras ligadas ao acondicionamento de locais que non requiran da redacción dun proxecto de obra, así como das obras que non están suxeitas a licenza.

Trátase de eliminar trabas e de axilizar a tramitación administrativa, de forma que poidan iniciarse sen previa licencia municipal dende o mesmo día da presentación da comunicación previa ás actividades e, no caso de obras, cando transcorra o prazo de 15 días hábiles dende a presentación, sen necesidade de esperar á finalización do control municipal, o cal se mantén anque se articule a posteriori.

Non se lles aplicará o novo réxime e, polo tanto, estarán suxeitos a licenza previa, as obras que afecten á protección do patrimonio histórico-artístico declarado, medio ambiente, seguridade ou accesibilidade.

Entre outros aspectos, a nova ordenanza regula as consultas previas en materia de urbanismo, os dereitos dos solicitantes e a obriga de resolver as licenzas en tres meses. Tamén se establece o reforzo, regulación e previsión das tarefas de control das actividades sometidas a declaración/comunicación, para evitar falsidades, omisións ou incumprimentos.

60 artigos e modelos esixibles
A ordenanza contén unha parte dispositiva integrada por 60 artigos agrupados en catro títulos, catro disposicións adicionais, unha transitoria, outra derogatoria, e unha disposición final única relativa á entrada en vigor. Inclúe tamén catro anexos nos que se definen os distintos medios de intervención administrativa, a documentación esixible nos distintos supostos e os modelos normalizados de solicitude de licenza e de comunicación previa.

Esta normativa deberá ser aprobada inicialmente polo Pleno, abríndose logo un período de información pública, por un prazo mínimo de 30 días, para a presentación de reclamacións e suxestións. Estudadas estas, o Pleno ratificará a ordenanza de xeito definitivo.

Documentos relacionados



Compartir: