ALCALDÍA

Agustín Hernández sitúa a Salvador García-Bodaño entre os "bos e xenerosos" e destaca o seu "irrenunciable compromiso cívico con Galicia e con Compostela"

17/03/2015 O alcalde, Agustín Hernández, presidiu no Auditorio de Galicia, xunto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o acto de entrega do titulo de Fillo Adoptivo da cidade e Medalla de Ouro do Concello de Santiago a Salvador García-Bodaño. Esta distinción ao escritor fora acordada por unanimidade da Corporación municipal nun Pleno celebrado o pasado mes de decembro, "en recoñecemento á súa relevancia e pola súa implicación na vida cultural de Compostela e de Galicia".

"Poeta, narrador, crítico de arte, ensaísta, tradutor, xornalista, procurador dos Tribunais... A súa actividade vital é desbordante, tanto polos moitos e variados oficios, como pola súa intervención na creación, dirección ou participación nas principais asociacións e entidades profesionais e culturais da cidade", lembrou o alcalde. A este respecto, indicou que "non é doado atopar a ninguén que se teña implicado en tantas e tan intensas iniciativas ao longo dunha vida, que segue a ser –e que o sexa por moitos anos- plenamente activa e fecunda".

Logo de repasar algúns dos seus premios, Hernández referiuse a unha vida e a unha obra que "teñen a Compostela como eixe da súa existencia", xa que "aquí chegou con poucos meses de vida dende o barrio vigués de Teis, para irse convertendo co paso dos anos nun referente da vida cultural e social da cidade".

De García-Bodaño, o alcalde destacou a súa "calidade humana", unicamente comparable ao "seu irrenunciable compromiso cívico con Galicia e con Compostela, un compromiso mantido dende un talante aberto, conciliador e persuasivo, lonxe de dogmas e de proclamas partidista, na liña dos grandes mestres do galeguismo, dos bos e xenerosos, entre os que figura con todo merecemento".

Compostela e a súa obra
Volvendo á vinculación da súa obra con Compostela, lembrou que mesmo lle dedicou á cidade integramente un dos seus libros, Tempo en Compostela, merecente do Premio da Crítica Española en 1979 e que é "un gran poema de amor a esta cidade adoptiva", como o propio escritor ten dito.

"Sen Compostela non se podería entender a súa obra literaria, e sen a súa obra literaria Compostela perdería unha das voces que mellor expresan a esencia e a intimidade do seu ser", afirmou Agustín Hernández, pois "a través da súa poesía, moitos descubrimos novas sensacións e transitamos da súa man por esa ‘longa rúa na memoria onde vagan os nomes e as horas que cada quen recorda’, como eu mesmo lembrei nas miñas primeiras palabras como alcalde".

"Polo seu amor á cidade, pola súa obra -que é fiel reflexo dese sentimento- e pola achega que supón para engrandecer e entender o significado e a dimensión desta Compostela universal. Pola súa voz, antiga e nova a un tempo, que lle dá á súa poesía un valor parello ao da cidade, o Concello de Santiago cumpre coa xustiza e coa razón, outorgándolle a Salvador García-Bodaño as súas máximas distincións de Fillo Adoptivo e de Medalla de Ouro", indicou.

O alcalde mostrou a súa "grande emoción" por recoñecer, en nome do pobo de Santiago, "a achega e o valor dunha vida dedicada, como poucas en corpo e alma, a dignificar unha cidade, un país, a súa cultura e a súa lingua". É por iso que, ademais de felicitar a Salvador García-Bodaño polas súas distincións, tamén expresou os parabéns a Compostela por "contar cun novo fillo que foi e segue a ser un gran creador e, por riba de todo, é un gran veciño e unha gran persoa".

Compartir: