CULTURA

Matrioshka Teatro abre un crowfunding para a súa xira de "C’est la vie", obra incluída no Bono de Teatro Galego e Portugués

17/03/2015 A compañía compostelá Matrioshka comezou hai ben pouco a súa andaina con C’est la vie, unha peza teatral pola que conseguiron xa un premio María Casares. En Santiago poderemos vela o xoves 16 de abril, ás 20:30 horas, no Teatro Principal, enmarcada no Bono de Teatro Galego e Portugués. Agora, acaban de comezar unha campaña de crowfunding para poder realizar unha minixira galega e levar o espectáculo a diferentes vilas e cidades.

A xira que propoñen para comezar é a que as levará, ademais de a Compostela o 16 de abril, ao Auditorio Municipal de Vigo o 18 de abril e á Casa da Cultura de Boiro o 30 do mesmo mes. Cada mecenas ten a opción de ver èm]C'est la vie en calquera destes tres espazos, xa que unha vez rematada a campaña preguntaranlle onde elixe velo e terá garantida a entrada ata completar o aforo da sala.

As achegas dos mecenas estarán dirixidas a cubrir os gastos das tres funcións da xira que non teñan cubertos doutra forma: salarios segundo convenio, cotizacións, dietas, desprazamentos e materiais funxibles. As contribucións poden ir dende os 10 €, que levan unha entrada, un lote especial de postais do espectáculo e unha mención no Facebook e na páxina web, ata os 1.000 euros que levarían 10 entradas e 10 lotes de postais, chapas, carteis asinados e diploma, ademais dunha cea co equipo do espectáculo e tres acompañantes á súa elección, unha sesión fotográfica co equipo e mención no material de distribución. Ademais, tamén hai opcións de 15, 25, 50 e 300 euros. Pode consultarse todo aquí.

C’est la vie
Unha reflexión intensa e calidoscópica sobre o tempo e os seus rastros. Matrioshka Teatro tende aquí fíos entre a sorpresa de recoñecerse nese segundo que nos cambia a vida e a excitación de comprender que as horas se aceleran proporcionalmente á velocidade do corazón. Ensamblada peza a peza coma un delicado mecanismo de reloxería, mimada ata o máis mínimo detalle para lograr que o espectador se erga da butaca sentíndose tocado por unha brisa fresca e evocadora. C’est la vie é vida condensada…

Compartir: