CONSORCIO

O Consorcio destinará este ano 1.347.310 euros a rematar o primeiro Centro Nacional de Formación en Materia de Rehabilitación que existirá en España

17/03/2015 O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá Comisión Executiva e Consello de Administración, presididos polo alcalde da cidade e presidente do organismo, Agustín Hernández. Entre os temas abordados destaca a sinatura dun convenio coa Fundación Laboral da Construción para rematar as obras do Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación, situado na antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba, para o que o Consorcio aportará este ano 1.347.310,36 euros.

Agustín Hernández e o director xeral da Fundación Laboral da Construción, Enrique Corral, asinaron o convenio para a posta en marcha do que será o primeiro centro en España destinado de xeito específico á formación especializada e á reciclaxe no eido da rehabilitación de traballadores e empresas da construción.

Este centro, apuntou o alcalde, "vén a impulsar a idea de Compostela como cidade de formación, información e coñecemento, neste caso vencellado coa posta en valor e recuperación do patrimonio, que representa un dos seus recursos esenciais". Neste sentido, explicou que "non soamente debe servir para a busca da excelencia en materia de rehabilitación, senón que debe entenderse tamén coma unha ferramenta para o desenvolvemento de políticas activas de emprego e, principalmente, para o impulso e fomento de actividades de múltiples pequenas e medianas empresas especializadas e cualificadas no emerxente sector da rehabilitación".

Ademais, garantirase a "conservación dun dos mellores expoñentes da industria do curtido en Santiago que temos herdado" e supón "unha oportunidade para reforzar e consolidar a recuperación ambiental e posta en valor do corredor verde do río Sarela, auténtico cinto industrial da cidade nos séculos XVIII e XIX", engadiu.

8,9 millóns de euros
O centro está promovido pola Fundación Laboral da Construción, en colaboración co Consorcio de Santiago, e conta co apoio do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento. A Fundación adquiriu os terreos e as instalacións da antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba, cunha extensión total de 23.132 metros cadrados. No recinto intramuros, delimitado e pechado por un gran muro de mampostería que linda co río Sarela, atópanse as edificacións existentes da antiga fábrica. O Consorcio financiou a primeira fase de rehabilitación das mesmas, cun orzamento de 1.058.428,37 euros.

Sumado o custo da adquisición dos terreos e as obras xa realizadas, "estamos diante dunha inversión total de 8,2 millóns de euros, que é o investimento imprescindible para que o centro comece a funcionar, ao que sumamos os traballos de urbanización e xardinería, valorados nuns 200.000 €; así como a rehabilitación dos antigos secadoiros, que se dedicarán a restaurante e cafetería, cun valor estimado duns 500.000 euros", apuntou o alcalde.

Segunda fase
Acompañaron o alcalde no acto de sinatura e na posterior rolda de prensa a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, o director da Fundación Laboral da Construción, Enrique Corral, e o arquitecto do Consorcio Ángel Panero, que se encargou de describir o proxecto polo miúdo. Así, indicou que a intervención consistiu na execución duns 1.400 metros cadrados de cuberta completa de zinc, panel sandwich de illamento e estrutura de madeira sobre nove das edificacións existentes, consolidando os muros e acondicionando interiormente ademais uns 300 metros cadrados da edificación que se destinará a oficina da Fundación Laboral da Construción.

Por outro lado, executáronse novas construcións, que se destinarán a almacéns, vestiarios, despachos de profesores, patios e catro naves-taller de formación especializadas en cantería, forxa-metal e carpintería. O orzamento destas construcións, financiadas pola Fundación, ascendeu a 2.550.000 euros.

Para que o centro sexa operativo cómpre executar a segunda fase das obras de rehabilitación das edificacións existentes, que se destinarán a aulas, oficinas, salón de actos, despachos de profesores e arquivo. Cun custo de 1.347.310,36 euros, esta fase consistirá no acondicionamento interior destas edificacións. O proxecto de rehabilitación elaborouno a Oficina Técnica do Consorcio, que tamén se encargará da dirección da obra.

Operativo no primeiro semestre de 2016
Pola súa parte, a Fundación Laboral da Construción encargarase das dotacións e equipamentos dos edificios, ademais da urbanización e acondicionamento xeral do recinto, comprometéndose a poñer en funcionamento o centro nos seis meses posteriores ao remate das obras. O prazo de execución das mesmas estímase en oito meses, polo que estarán finalizadas durante 2015. Deste xeito, prevese que o centro estea plenamente operativo na primeira metade de 2016.

Compartir: