POLÍTICA LINGÜÍSTICA

Unha campaña promoverá a transmisión da lingua galega aos nenos e nenas

14/09/2006 A Concellaría de Política Lingüística colaborará coa Deputación da Coruña na posta en marcha de dúas campañas, unha de promoción da transmisión interxeracional da lingua galega e outra de difusión das boas prácticas lingüísticas na Administración local. Estas iniciativas son froito dun convenio asinado entre ámbalas institucións e supoñen un investimento de 56.800 euros.

A primeira das campañas ten como obxectivo "eliminar o costume sociolóxico de cambiar o idioma para falarlles aos máis pequenos", apuntou o concelleiro de Política Lingüística, Manuel Portas, que estivo acompañado na presentación da campaña pola deputada provincial de Política Lingüística, Margarida Vázquez Veras. Preténdese sensibilizar sensibilizar ás familias sobre as vantaxes de que os seus fillos coñezan a lingua galega, así como da conveniencia de que a adquiran de forma temperá. Isto é garantía para que se instalen nela de xeito adecuado e poidan despois acceder a outros idiomas, segundo reza esta iniciativa.

Para lograr estes fins, a campaña terá como eixo central achegar unha mensaxe favorable á transmisión do galego aos nenos e nenas. A actuación chegará aproveitando tres momentos –o embarazo, o parto, o empadroamento– e a través dos centros que teñen relación co nacemento dun neno ou nena e coas etapas previas e posteriores (servizos dirixidos á maternidade, clínicas e rexistros públicos).

Os materiais deseñaranse arredor de tres centros de interese, o primeiro dos cales é a identidade, con 10.000 folletos sobre a utilización dos nomes de persoa propios do noso idioma, que se distribuirán nos servizos de atención ao embarazo. A segunda fase ocúpase da comunicación e consiste nunha carpeta informativa centrada na mensaxe da campaña, cun argumentario sobre a importancia de elixir o galego como lingua de comunicación. Repartiranse 1.000 exemplares nas maternidades, que irán acompañados dun babeiro de agasallo coa mensaxe da campaña. A terceira parte é a socialización e reflectirase nun boneco que poida converterse nun compañeiro permanente dos nenos e nenas, dirixido a reforzar permanentemente a mensaxe da campaña. Aproveitarase o momento en que se empadroan para lembrarlles o que iso significa na súa práctica lingüística.

Boas prácticas

A outra campaña difundirá as boas prácticas lingüísticas na Administración local. O obxectivo xeral desta actuación é obter a implicación do persoal que presta servizo na Administración local nos obxectivos do Plan xeral de normalización lingüística.

Editaranse 2.000 exemplares dun manual de estilo (criterios
lingüísticos, informativos ou de presentación) e dun formulario de documentación municipal xeral (repertorio de documentos habituais con comentarios sobre a súa definición, aspectos comunicativos, lingüísticos ou formais) en soporte papel e dixital. Tamén se realizará unha campaña interna de sensibilización e información, e un curso específico sobre os contidos do manual de estilo.

Compartir: