ALCALDÍA

Case un millón de euros para a ampliación dos colexios Monte dos Postes e Roxos

16/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitaron o CEIP Monte dos Postes, onde puideron comprobar os avances dos traballos de ampliación e de mellora da accesibilidade do centro, que contan cun orzamento de máis de 300.000 euros. Posteriormente trasladáronse ao CEIP de Roxos, en cuxa ampliación o departamento autonómico investirá 650.000 euros.

Agustín Hernández agradeceu o compromiso da Xunta coa ampliación destes dous centros educativos, que responde a unha demanda dos docentes e dos pais e ao incremento demográfico destas dúas zonas da cidade. Lembrou a súa visita este mesmo verán ao CEIP Monte dos Postes co anterior conselleiro de Educación, onde xa se puxera de manifesto este compromiso, que se suma, dixo, ás obras executadas polo propio Concello en varios centros educativos, así como ao labor de mantemento ordinario que se realiza durante todo o curso escolar.

As obras no CEIP de Roxos consistirán na construción dun novo volume de máis de 530 metros cadrados que albergará 3 aulas de infantil, un espazo dedicado a apoio educativo, aula de psicomotricidade, aseos, despachos, conserxería e zonas comúns. O obxectivo é executar este mesmo ano as obras. O inicio das mesmas está previsto contra o verán, co fin de evitar as molestias á comunidade educativa.

Esta actuación súmase ás melloras realizadas no centro nos últimos anos, en concreto para a construción dun aseo, reforma eléctrica e instalación dun novo portal de acceso. O colexio recibe ademais achegas para apoiar o funcionamento da súa biblioteca e foi dotado con 50 ordenadores ultraportátiles ao abeiro do Proxecto Abalar.

Obras no Monte dos Postes
No transcurso da súa visita ao CEIP Plurilingüe Monte dos Postes, o alcalde e o conselleiro puideroncomprobar o avance das obras de ampliación que se están a realizar no centro cun orzamento de preto de 310.000 euros. A actuación consiste na construción dun volume anexo de 2 plantas con 2 aulas, aseos, espazo polivalente e almacén. Tamén se proxectou a instalación dun ascensor para contribuír á mellora da accesibilidade do centro. A previsión é que as novas instalacións poidan estar dispoñibles para o vindeiro curso escolar.

Esta actuación súmase a outras realizadas nos últimos anos neste CEIP pola Consellería, coma o acondicionamento de espazos para a prestación do servizo de comedor escolar. Ademais, este centro, na súa condición de plurilingüe, conta cun auxiliar de conversa nativo de EEUU.

Nesta visita aos dous centros educativos, o alcalde e o conselleiro estiveron acompañados pola concelleira de Educación, Maite Cancelo; polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; polo xefe territorial do seu departamento na provincia, Indalecio Cabana; e polos directores do Monte dos Postes, Manuel Brenlla; e do CEIP de Roxos, Eva García; entre outras autoridades.

Compartir: