ALCALDÍA

Hernández propón un plan de reactivación que reforce a Santiago como capital de Galicia e líder dunha grande área metropolitana

16/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, participou como relator no almorzo informativo de Nueva Economía Forum, celebrado no Hostal dos Reis Católicos. Na súa intervención apostou para Compostela por un "plan de reactivación que a oriente cara a un novo concepto de cidade", que a potencie como "unha cidade aberta, plural, moderna, creativa, social e cultural". Para lograr iso, fixou catro eixes fundamentais: o impulso do diálogo e da colaboración co conxunto das Administracións, a modernización da Administración municipal, o fomento da interacción coa Universidade e co tecido comercial e empresarial, e o "liderado activo dunha grande área urbana que aposte decididamente pola colaboración e a integración dos concellos veciños, para a promoción de servizos eficientes e de intereses comúns".

"Temos a posición, temos as infraestruturas, temos o atractivo turístico, temos innovación e tecnoloxía, temos caudal cultural e capital humano. Tamén debemos ter a ilusión e a unidade necesarias para crear unha gran cidade, unha gran área urbana que faga de Compostela unha nova realidade, chea de historia, orgullosa do seu patrimonio, integradora e aberta ao seu contorno máis inmediato, leal e consecuente coa súa condición de capital de Galicia", indicou o alcalde.

Hernández falou da necesidade de construír unha cidade "á medida das persoas, que sexa respectuosa co seu pasado e que deseñe o seu crecemento de forma ordenada, racional e sustentable". Así, e tras recoñecer unha acción urbanística "racional e sustentable" en décadas pasadas, formulou a necesidade de revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal co fin de "primar a calidade e a excelencia na prestación dos servizos". Esta revisión, dixo, ten como dous dos seus obxectivos dar viabilidade aos solos xa desenvolvidos e unha maior flexibilidade no rural.

En canto a Cidade Histórica, tamén insistiu na conveniencia da revisión do seu Plan Especial, xa en marcha, coa meta de "revitalizar a cidade histórica, recuperando a súa función primordialmente residencial, nunha mestura equilibrada co comercio, oferta cultural e de ocio e equipamentos", mellorando tamén a mobilidade e modernizando os servizos básicos, ademais de facilitar a rehabilitación interior dos edificios.

Neste contexto, apuntou a aposta do Goberno municipal por "recuperar un pulso que, co inicio da década, se tiña debilitado notablemente". Neste sentido e, nunha senda de "cooperación institucional", destacou os compromisos pechados en materia de infraestruturas, como a ampliación do acceso ao polígono do Tambre, a ampliación da autoestrada AP-9, o enlace orbital para conectar a AP-9 coa autovía de Lavacolla, o acceso á Cidade da Cultura, o paso inferior de Conxo, a mellora da depuradora da Silvouta, a nova depuradora do Souto, o remate do saneamento do Sar e o saneamento do río Sarela, a variante de Aradas, a rehabilitación da Catedral, a estación intermodal, o centro de acollida de peregrinos da rúa Carretas, o Centro de Saúde de Galeras…

Canalizadas as grandes obras e os proxectos de futuro no terreo das infraestruturas, o alcalde marcouse como principais retos a innovación na xestión municipal e diversidade económica. Así, no primeiro dos campos, referiuse á aposta por "novas formas para xestionar a cidade", para o que se precisan "solucións cada vez máis innovadoras co obxecto de avanzar na transparencia, a participación pública, a eficiencia e a sustentabilidade dos servizos municipais".

Destacou o papel de liderado asumido polo Concello no impulso da innovación na cidade, que está levando a Santiago a "converterse na primeira Cidade Patrimonio de España en desenvolver un proxecto de Cidade Intelixente, coa posibilidade de que as experiencias acadadas poidan ser de aplicación a outras cidades de España e de Europa".

Como obxectivos máis inmediatos neste ámbito citou a plena implantación das tecnoloxías da información e da comunicación no ámbito da cidade histórica, a adopción de modelos innovadores de abastecemento eléctrico que eviten a presenza de cable, a xestión integral da auga con control da rede; métodos de transporte para persoas e mercadorías respectuosos co valor patrimonial; sistemas innovadores para a xestión dos residuos sólidos urbanos; e a culminación da administración electrónica municipal, para aproximar á xestión, axilizar trámites e reducir burocracia.

En definitiva, indicou, "o futuro de Santiago de Compostela estará sen dúbida ligado ao desenvolvemento de proxectos que unirán a súa beleza monumental cunha xestión intelixente dos seus servizos e dos seus recursos".

Un Goberno aberto á sociedade civil
Esta xestión máis racional e eficiente dos recursos pasa tamén, segundo Hernández, por "maiores cotas de participación da sociedade civil", con "alianzas fortes" con sectores como o universitario, o empresarial ou o dos servizos. "Imos fomentar a comunicación, a cooperación e a participación, implicar aos cidadáns, as institucións e ás empresas nas decisións e proxectos que repercutirán no benestar e crecemento do propio concello", apuntou. Recalcou igualmente a "participación esencial" que nesa tarefa debe ter o movemento veciñal.

Desenvolvemento do tecido produtivo
Outro dos eixes da intervención do rexedor municipal foi o desenvolvemento empresarial e laboral da cidade, salientando o seu dinamismo produtivo, o seu valor engadido bruto e a súa porcentaxe de emprego como unha "oportunidade para asentar unha base produtiva sólida e duradeira, que garanta un equilibrio económico para Santiago e para o conxunto de Galicia".

Referiuse á "gran cultura empresarial" de Compostela, onde radican algunhas das empresas mellor xestionadas de Galicia, moitas delas relacionadas con sectores innovadores. "Dende o Concello debe ser un tarefa primordial o apoio ao conxunto da actividade empresarial, para tratar de afianzar as preto de 9.500 empresas existentes no concello, evitar baixas no tecido industrial e fomentar o emprendemento e a instalación de novas actividades", afirmou ao respecto.

Todo isto, recalcou, en beneficio do obxectivo prioritario neste campo, a creación de emprego, cuxos índices "ofrecen unha evolución positiva nos últimos tempos". "A taxa de paro no concello situouse nunha media do 17,7% no pasado 2014, evolucionando positivamente desde o 22,2% que tiña Santiago no ano 2013", lembrou. Sen ser conformistas, dixo, "podemos abordar o futuro cun moderado optimismo".

Turismo e cultura
O progreso económico da cidade tamén pasa, en palabras do alcalde, por "non descoidar o tradicional soporte económico da cidade, conformado arredor do turismo e do Camiño ,que hai que potenciar co horizonte posto no vindeiro Ano Xacobeo de 2021. Indicou que as perspectivas de crecemento son "moi esperanzadoras", tendo en conta tanto o incremento do número de peregrinos como dos viaxeiros internacionais do aeroporto de Lavacolla.

"En 2014, Lavacolla canalizou o 55% do tráfico aéreo total, con mais de 2 millóns de pasaxeiros, batendo a marca histórica de 450.000 viaxeiros internacionais. Para o presente ano confiamos en poder acadar os 2.150.000 pasaxeiros, dos que medio millón poderían proceder do exterior, grazas ás 18 rutas internacionais directas que imos ter en 2015, outra cifra récord nestas instalacións. A medio prazo, o obxectivo é chegar aos 2,5 millóns de pasaxeiros, o que redundará nunha oportunidade para o comercio e a hostalería locais", apuntou sobre ámbito aeroportuario.

En consonancia con esta aposta polo turismo, aludiu tamén á necesidade de "fortalecer a nosa oferta cultural, tanto a dos grandes eventos que incrementan o atractivo da cidade, como aquelas actividades diarias dirixidas ao conxunto do tecido social e que achegan formación e lecer aos barrios e parroquias". Santiago non pode renunciar nunca ao seu papel de referente musical, literario, escénico e cultural, que foi labrando ao longo de moitos anos".

Liderado na área metropolitana
Para Hernández, en todas estas áreas –económica, turística ou cultural- Santiago debe exercer un papel de liderado na grande área metropolitana do centro de Galicia, onde se agrupan máis de 400.000 habitantes. Referiuse a esa relación cos concellos e comarcas veciñas como unha materia pendente na cidade, con moitas áreas de xestión municipal que se poderían ver beneficiadas por unha acción unitaria e coordinada: a xestión dos residuos e da auga, o transporte urbano, o patrimonio fluvial, limpeza e mantemento de vías públicas, instalacións deportivas, colaboración policial, servizos de extinción...

Neste sentido, lembrou a experiencia de colaboración posta en marcha grazas a Área Santiago e reiterou a necesidade de dar pasos nesa dirección, como a idea retomada de xestionar de forma conxunto un servizo coma o de bombeiros.

Compartir: