CONSORCIO

Alumnos do Conservatorio de Santiago tocan esta semana coa Real Filharmonía de Galicia

16/03/2015 A Real Filharmonía de Galicia e o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela colaboran en diversas iniciativas de carácter musical. Entre estes proxectos destaca a celebración de actuacións conxuntas entre músicos da orquestra e xoves alumnos do Conservatorio, con idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos. Esta semana ofrecerán dous concertos didácticos para estudantes de primaria e secundaria, o mércores e o xoves, ás 11:00 horas no Auditorio de Galicia. E o sábado, ás 18:30 horas, tocarán para o público familiar.

Con esta iniciativa contribúese á formación dos futuros profesionais da música de cámara en Galicia, xa que os alumnos do Conservatorio teñen a posibilidade de tocar, ao lado de músicos profesionais, o repertorio propio dunha grande orquestra. Nestas citas musicais dirixirá a orquestra o mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da RFG.

Os concertos didácticos para escolares comezarán co Concerto para tuba do compositor británico Ralph Vaughan Williams (1872-1958). É considerada a obra máis grande escrita para este instrumento. A ninguén se lle ocorrera antes dedicarlle unha peza concertante á tuba. Dende entón, moitos son os compositores que se animaron a compoñer para este instrumento, dándolle o tratamento de solista. Orixinalmente esta obra considerouse unha excentricidade por parte do compositor inglés, pero axiña se converteu nunha das súas obras máis populares e esencial de todo o repertorio profesional para tuba. Nesta ocasión tocará como tuba solista un alumno do Conservatorio Profesional de Música de Santiago, Rafael de la Torre.

Os músicos interpretarán ademais parte de Rosamunda, unha das últimas obras composta polo músico romántico austríaco Franz Schubert (1797-1828). Trátase da música escénica para a obra homónima da escritora Helmina von Chézy, que tan só se representou durante dous días. O fracaso do público levou a que se suspenderan as demais funcións. A partitura de Schubert estivo desaparecida ata que se atopou en 1861.

Compartir: