INNOVACIÓN

Santiago participará nos premios "Smart Cities 2015" coa súa proposta de cidade intelixente "Smart iAGO"

15/03/2015 O Concello de Santiago participará o vindeiro mes de abril nos premios Smart Cities 2015 coa súa proposta de cidade intelixente Smart iAGO. Estes galardóns, convocados pola fundación Socinfo e a revista Sociedade da Información, teñen o obxectivo de divulgar proxectos de desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e Comunicación nas cidades, baixo o concepto de Smart City, aplicadas nos servizos á cidadanía e á mellora da eficacia interna.

Santiago de Compostela presenta unha iniciativa innovadora que pretende converter á cidade na pioneira á hora da busca de eficiencia e máxima adaptación da I+D á problemática das Cidades Patrimonio, de xeito que os resultados da súa proposta poidan ser extrapolados e aplicados noutras cidades patrimoniais. Neste proxecto Compostela vai da man doutras dúas cidades: Cáceres e Badaxoz.

A estratexia que segue o proxecto conta con catro eixos fundamentais coma son unha mobilidade e sostible e intelixente, solucionando retos coma o reparto de mercadorías no Centro Histórico, sistemas intelixentes de xestión do tráfico ou a xestión de aparcamentos. Outro dos eixos do proxecto é a cidadanía, como elemento fundamental de participación. O terceiro punto está relacionado co goberno, que presenta retos coma a xestión integral de información e servizos e a prestación de servizos integrados co cidadán e a empresa. O último dos puntos ten que ver co entorno onde os principais retos son as infraestruturas no Centro Histórico, a súa revitalización e a conservación do patrimonio (Smart_District).

Á hora de trazar esta estratexia consultouse a representantes públicos e privados lo ecosistema local para ter en conta as súas inquietudes e retos.

Tendo en conta a especial importancia do Casco Histórico compostelán, esta iniciativa propón un proxecto integrado e non intrusivo, que teña como punto de inicio o establecemento dun Sistema de Comunicacións efectivo que se instalará no alumeado intelixente do Centro Histórico.

Solucións innovadoras
Partindo deste sistema poderá artellarse solucións innovadoras ante os retos propostos, coma a instalación de alumeado intelixente que permita un maior control e un aforro no consumo de entre o 80 e o 90%, a dispoñibilidade de comunicacións inalámbricas (internet de banda ancha) para a cidadanía no Casco Histórico de forma non intrusiva co patrimonio ou desenvolvemento dun sistema integral de concienciación e xestión de RSU con contedores intelixentes, coa finalidade de concienciar, fomentar, incentivar e controlar en tempo real o correcto depósito dos residuos sólidos urbanos. Outra das solucións tecnolóxicas propostas é o desenvolvemento dun Centro Integrado de Mobilidade e Emerxencia que permita coñecer de antemán as posibles situación de emerxencia e así poder reaccionar de xeito rápido e efectivo a través da actividade coordinada dos distintos axentes involucrados.

Polo momento estase a traballar en iniciativas concretas coma unha plataforma de monitorización do consumo enerxético dos edificios municipais, o aparcamento intelixente que xa funciona na Avenida de Barcelona, unha APP con información sobre os autobuses urbanos (rutas, horarios) e que está previsto entre en funcionamento este mes ou outra APP que permita aos cidadáns trasladar calquera tipo de incidencia (baches, pintadas) de forma electrónica. O turismo tamén conta cos seus proxectos, coma Past View, que permite ao visitante observar a cidade coma se estivese no século XVI a través dun sistema de realidade aumentada ou a APP de turismo accesible, que ofrece guías adaptadas a persoas con discapacidade visual ou auditiva.

Dende o Concello lévase traballando neste proxecto Smart City de innovación tecnolóxica dende o ano 2012. Un traballo que o pasado ano lle valeu o premio "Cidade da Ciencia e Innovación 2014" que recoñece ás cidades líderes na creación de vantaxes competitivas grazas á conxunción do capital intelectual e do coñecemento dos seus recursos humanos con avanzadas infraestruturas locais de forte compoñente innovador.

Grazas a esta distinción, Santiago de Compostela comezou a formar parte da rede Innpulso, que permite o fomento de proxectos colaborativos entre os municipios integrados. Santiago tamén é membro da Rede Española de Cidades Intelixentes, cuxo obxectivo é o intercambio de experiencias e o traballo conxunto para desenvolver un modelo de xestión sostible e mellora da calidade de vida dos cidadáns, incidindo en aspectos como o aforro enerxético, a mobilidade sostible, a administración electrónica ou a atención ás persoas ou a seguridade.

Compartir: