ALCALDÍA

Agustín Hernández destaca o papel fundamental do Camiño para "entender o desenvolvemento e a historia non só de Galicia, senón tamén de España e de Europa"

13/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu no Museo Centro Gaiás, xunto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á inauguración de "Camiño. A Orixe", unha exposición que, segundo dixo, "vai dirixida á mesma raíz onde todo parte, onde todo medra e frutifica".

"A Catedral e o Camiño seguen a ser, máis alá do seu carácter espiritual e relixioso, un dos principais reclamos de Galicia, o motivo que atrae a unha gran maioría persoas que se achegan á Galicia e que, tomando Santiago como referencia da súa viaxe, deciden visitar outros lugares da Comunidade", lembrou o alcalde. Pero a ruta xacobea, explicou, "é moito máis que un reclamo turístico, é unha peza fundamental para entender o desenvolvemento e a historia non só de Galicia, senón tamén de España e de Europa, continente que axudou a transformar dándolle unha conciencia común que hoxe está na base da Unión Europea".

Destacou que esta mostra permitirá coñecer variados aspectos da traxectoria do Primeiro Itinerario Cultural Europeo e "admirar obras de arte de gran valor, de xenios como Durero ou Murillo, que dificilmente abandonan o seu lugar en importantes galerías e museos de diversos países que as cederon para este fin".

Segundo Hernández, "a exposición vai servir tamén para continuar nese labor de progresiva integración da Cidade da Cultura coa Cidade Patrimonio de Santiago, tarefa á que vai contribuír o Bosque de Galicia que se está crear nas ladeiras do Gaiás". Así, resaltou que "esa integración das dúas cidades é un tema que tamén forma parte do diálogo creativo dunha das propostas que se poderán ver nesta exposición".

Tras agradecer á Consellería de Cultura e á Fundación da Cidade da Cultura a promoción desta mostra, animou a composteláns e visitantes a "participar dela ao longo dos seis meses que estará aberta". En particular, referiuse á programación específica prevista para os escolares, "que lles axudará a comprender a importancia espiritual, social, cultural e económica do Camiño e da peregrinación para Santiago, para Galicia e para o conxunto da cultura occidental".

Compartir: